Sen categorizar

“Toponimízate” chega este mércores ao CEIP Castrelo de Miño

 

O alumnado do CEIP Castrelo de Miño (Ourense) será o protagonista deste mércores de “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, a campaña de divulgación da toponimia tradicional que coordina a Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os nenos e nenas miñenses estrearán, a partir das 11:30 horas, a programación de outono nos centros de ensino do país, que terá dúas citas máis: o venres 19 de novembro no CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei; e o luns 21 de novembro do no IES Maximino Romero de Lema de Baio, en Zas. Os centros abriranse ao público para que asistan ás charlas a veciñanza e as familias do alumnado con interese no proxecto.

A charla será impartida polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e da aplicación para a recolla colaborativa de microtopónimos Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, que adaptará os contidos xerais do programa á idade do alumnado. Estará acompañado na presentación desta actividade por Marisol Alonso Rodríguez, segunda tenente de alcalde do Concello de Castrelo de Miño; Virginia Álvarez González, directora do colexio; e Manoli Maseda Sabucedo, coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da provincia de Ourense.

Este tipo de obradoiros nos centros de ensino teñen como principal obxectivo dar a coñecer a toponimia entre as xeracións máis novas e implicalas na súa conservación. Deste xeito, tamén cobra especial importancia a relación interxeracional, pois os máis novos serán os que usen as novas tecnoloxías para engadir na plataforma Galicia Nomeada aos nomes dos lugares e as lendas que lles contarán os seus avós e avoas.

O obxectivo último é introducir a aplicación Galicia Nomeada dentro das tarefas escolares do centro, para o que tamén se pedirá a colaboración do profesorado. Iniciativas como “Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en microtopónimos” do CPI O Mosteirón; ou Pazos Nomeado, do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén son casos de éxito do uso das novas tecnoloxías e de Galicia Nomeada dentro dos plans dos centros educativos.

Ademais o alumnado do CEIP Castrelo de Miño poderá coñecer que significan os nomes que forman parte da súa paisaxe diaria. Moitos deles, como O Pazo, A Ponte, O Fondo da Vila, A Ermida ou A Costa serán transparentes para eles, mais seguro que se sorprenderán ao saber que algúns xa están rexistrados hai máis de 800 anos, como Señorín; ou que O Toledo pode ser incluso anterior e estar relacionado coa localidade homónima de Castela – A Mancha.

Artigos relacionados

Back to top button