CulturaCulturaÚltima hora

“Toponimízate” chegará o 14 de xuño a Cualedro á procura de colaboradores na recolla dos nomes da terra

A Casa da Cultura do concello ourensán acollerá ás 20:00 horas dese día a primeira charla da campaña deste ano

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, no centro da mesa, na presentación da campaña deste ano, acompañado de Valentín García e Vicente Feijoo. Fonte: RAG

 

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegará o venres que vén, 14 de xuño, a Cualedro na primeira parada da edición deste ano. A Casa da Cultura deste concello ourensán acollerá ás 20 horas unha das charlas da campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na sesión o público aprenderá como empregar a aplicación Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía colaborar na recolla de nomes de leiras, fontes, camiños, devesas e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan este municipio e as súas parroquias e aldeas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada. Nesta edición a campaña visitará unha ducia de concellos onde no seu día non se completou o Proxecto Toponimia de Galicia e ata o momento apenas se incorporaron microtopónimos a través da colaboración cidadá.

Entre os meses de xuño e novembro, Toponimízate visitará Camariñas, Tordoia e Boiro na provincia da Coruña; Abadín, Antas de Ulla e Láncara en Lugo; Cualedro, Vilar de Santos e A Arnoia en Ourense; e Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa en Pontevedra.

Artigos relacionados

Back to top button