En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Tractoradas o 19 de maio no oriente ourensán en demanda de axudas polos danos das xeadas

A decisión tomábase nunha asemblea,  con máis de 500 asistentes, celebrada na noite do 11 de maio en Viana do Bolo e con presenza de gandeiros e agricultores de seis concellos de montaña

Cuantiosos danos nos castiñeiros, na gandería e tamén na apicultura. Con moita preocupación viven os gandeiros e os agricultores da zona alta do oriente ourensán as consecuencias que poden ter nas súas economías as perdas ocasionadas polas xeadas. Así se reflexaba na asemblea que na noite do 11 de maio convocaba Unións Agrarias na Casa da Cultura de Viana do Bolo e na que participaban máis de 500 persoas dos concellos da Gudiña, Vilariño de Conso, A Veiga, O Bolo, A Mezquita e, por suposto, da propia Viana.

O local quedábase pequeno para acoller a multitude de persoas que abarrotaban a entrada, os corredores e mesmo o propio escenario. “É a concentración máis grande que recordo do sector do agro e da gandeiría”, dicía o alcalde vianés, Secundino Fernández, presente no acto. Xunto a el, o concelleiro Santiago Barja, adiantaba que teñen previsto presentar unha moción sobre esta problemática no vindeiro pleno vianés.

Despois de varias intervencións, na asemblea acordábase tomar medidas de presión para demandar axudas ante as consecuencias das xeadas de hai xa case quince días. En concreto vanse levar a cabo tractoradas o día 19 de maio con saídas dende Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita. “Todos temos danos, danos por castiñeiros, por hectáreas de pasto, polo centeo, hectáreas, falamos de hectáreas, danos na apicultura… non nos podemos dividir, temos que ir xuntos. A unión é vosa, non levamos siglas, somos de Viana, da Gudiña, da Mezquita, da Veiga, do Bolo e de Vilariño, imos todos xuntos”, dicía dende o escenario María Páez, responsable de Unións Agrarias en Viana.

Tras a xuntanza, e en declaracións ao Periódico O Sil, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, amosábase sorprendido “pola gran cantidade de xente, isto dá idea da gravidade do problema e o que chama a atención é que 15 días despois da xeada, aínda non lograramos que nos recibira a conselleira do Medio Rural. Cando se lexisla ao marxe da xente danse circunstancias como as de hoxe, xa que no Consello da Xunta aprobábanse unhas medidas que non teñen nada que ver coa xente, a proba evidente é que o anuncio parece que aínda axudou a convocar a máis persoas”.

Para García, “o de hoxe é un exemplo, temos que lograr que continúe a xente unida, para, fundamentalmente primeiro dicir que, a parte do viño, tamén hai problemas cos castiñeiros, porque aquí estamos falando de que ninguén vive dunha cousa soa, que é un complemento. Que moitos deses complementos nunha economía moi fráxil é como unha banqueta de tres patas, que cando falla unha delas, perde o equilibrio. Manter o futuro de moitas explotacións é básico. Para un goberno como o de España, para un goberno como o galego, que di todos os días que saímos da crise e que o rural é a prioridade, non debera ser un problema establecer unha axuda directa por explotación que garantice a viabilidade de todos”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button