ConcellosOurenseÚltima hora

Tráfico dota de catro novas motos ao destacamento da Garda Civil do Barco

Estes vehículos forman parte dunha partida de 12 que o Ministerio do Interior distribuiu por toda a provincia e que incorporan equipos portátiles de detección de alcohol e drogas

O destacamento da Garda Civil de Tráfico do Barco de Valdeorras vai recibir catro novas motocicletas. Estes catro vehículos forman parte da nova dotación de 12 motocicletas que a Dirección Xeral de Tráfico incorpora á provincia.

A presentación destes novos vehículos tivo lugar na Comandancia de Ourense hoxe, 17 de xaneiro, á que acudiu o subdelegado do Goberno na provincia, Roberto Castro; o xefe provincial de Tráfico, David Llorente; e o tenente coronel Manuel Novo Colldefors.

Ademais do destacamento do Barco, o de Verín recibirá catro motocicletas e o parque móbil da Comandancia de Ourense incorporará outras catro. Estas novas motos veñen a substituír ás do antigo modelo BMW R850 que xa non están operativas pola quilometraxe que levan feita e a antigüidade. Esta ducia de vaise engadir ás 18 motocicletas que xa teñen no parque móbil provincial da Garda Civil de Tráfico, explicou o capitán da Garda Civil de Tráfico, Ángel Rafael Rodríguez, que tamén estivo na presentación.

O xefe provincial de Tráfico, David Llorente, explicou que este paquete de motocicletas “forman parte dun Plan Nacional de actuación”. Roberto Castro complementou dicindo que en Galicia presentáronse un total de 80 motocicletas e en España “unhas 300”, dixo.

Ambos os dous recalcaron que estes novos vehículos van “mellorar a seguridade dos cidadáns e dos axentes” que as pilotan. Asemade, explicaron que incorporan equipos portátiles de detección de alcohol e drogas nos conductores “o que fará que non se requira a presenza do equipo de Atestados porque estes equipos portátiles farán esa función”, dixo Llorente, que aseguou que o obxectivo é “reducir a cifra de accidentalidade”.

Pola súa banda, Roberto Castro, cualificou esta incorporación como “unha boa nova para a cidadanía”, porque o que pretenden é “garantir a seguridade da poboación e dos axentes”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button