
“Sería un mundo sen fronteiras un mundo máis xusto?” Con esta pregunta arranca o vídeo co que tres alumnas de 1º de Bacharelato do IES Xermán Ancochea Quevedo da Pobra de Trives participaban na X Olímpiada Filosófica de Galicia. Unha peza audiovisual titulada ‘Estatísticas’ no que Alba Ferreira Alberte, Noa Sánchez Álvarez e Leila Pérez Vasallo reflexionan sobre as inxustizas que existen hoxe en día, vencelladas na marioría dos casos a un territorio ou unha cultura, e que resultaba gañador do certame na modalidade curta vídeo filosófico.
Tal como explica a profesora de filosofía do centro, María Miguélez, a olimpíada conta con catro modalidades que permiten a participación na Olimpíada Estatal: Vídeo, Foto, Disertación e Dilema e que o tema sobre o que traballaron este ano foi “fronteiras e xustiza global”.
O vídeo elaborado por Alba, Noa e Leila foi un dos catro finalistas galegos, sendo defendido de forma presencial na xornada deste xoves 2 de marzo na Facultade de Filosofía da USC. Nese acto tamén recollían o premio como gañadoras da súa modalidade, sendo as representantes galegas no certame estatal que se celebrará en Canarias a finais do mes de abril.
