ConcellosÚltima hora

Tres pontes históricas da provincia serán restauradas

Os concellos do Barco, Vilamartín e Avión asinaban un convenio coa Consellería de Cultura para rehabilitar estas infraestruturas
Asistentes á sintura dos convenios de colaboración da Consellería de Cultura cos concellos da provincias de Ourense e Pontevedra para a reparación de cinco pontes históricas nestas provincias.
Asistentes á sintura dos convenios de colaboración da Consellería de Cultura cos concellos da provincias de Ourense e Pontevedra para a reparación de cinco pontes históricas nestas provincias.

As antigas pontes de Éntoma (O Barco de Valdeorras), da Portela (Vilamartín de Valdeorras) e de Couso (Avión) serán restauradas. Para levar a cabo estas actuacións os concellos nos que están situadas asinaban na mañá do 12 de novembro en Santiago un convenio coa Consellería de Cultura e Educación, que financiará as obras.

No caso da ponte barquense de Éntoma contarase cun orzamento duns 72.400 euros. As obras inclúen “o desbroce das marxes e clareo de árbores de ribeira que danan a fábrica da ponte; a limpeza de vexetación, retacado, ripiado e rexuntado con morteiro de cal hidráulica da mampostería, a demolición de pavimentos de formigón existentes, a execución de novo pavimento da calzada de esquisto de catou ou chapacuña sobre base de formigón de reparto de cargas; e a execución de novos peitorís en mampostería de lousa”, segundo se informa dende a Consellería de Cultura.

Á ponte da Portela (Vilamartín) destinaranse 20.300 euros. Con esta intervención búscase “repoñer as partes desaparecidas da ponte que poden afectar á súa seguridade de uso, mellorar as condicións de acceso viario, desbroce, limpeza, desmonte, rasanteo e perfilado do terreo afectado. Tamén se construirá unha protección para o estribo cun muro de escollera; eliminación de vexetación e brións nas xuntas da pedra; reconstrución dos peitorís e formación da capa de rodadura final”, indica Cultura. Ademais o Concello de Vilamartín encardouse da redacción do proxecto das mesmas.

Finalmente, na Ponte de Couso (Avión) a actuación nesta infraestrutura suporá un investimento total de 79.225 euros. “En concreto está previsto actuacións de reforzo na fábrica que aínda está en pé. Ademais a parte derrubada repoñerase con materiais orixinais recuperados do leito do río”, segundo a consellería.

Un dos momentos da sinatura do documento.
Un dos momentos da sinatura do documento.

Nestes mesmo acto tamén se asinaban os convenios para recuperar as pontes pontevedresas de Fillaboa (Salvaterra de Miño) e do Demo (Vila de Cruces-Silleda). Estas intervencións enmárcase dentro das actuacións sobre o patrimonio cultural que forma parte da obra civil de Galicia previsto para o vindeiro 2015.

Artigos relacionados

Back to top button