Catro de catro. A fin de semana da ponte da Constitución foi moi positiva en canto a resultados para os catro equipos do oriente ourensán que compiten en Segunda Galicia, con tres vitorias a domicilio e unha en casa.
O primeiro en xogar era o CD Trives que adiantaba o partido ao xoves día 8, vencendo 7-0 ao CD Vilardevós no campo do Agro. O CD Viana goleaba ao CD Bubal (3-11) en Oímbra; e o CD Rúa vencía 0-2 no campo do Parada do Sil CF. E xa na casa o CD Córgomo Vilamartín vencía 4-2 ao Rocas CF.
Na tarde deste domingo 11 de decembro, no Campiño de Viloira enfrontábanse dous equipos da metade superior da clasificación. O Córgomo chegaba á xornada 14 no terceiro posto tralo empate a uns no campo do Piñeira Seca mentres que o Rocas, facíao no sexto posto trala vitoria 7-0 ante o Vilardevós, sendo os locais os que se adiantaban no marcador co gol de Dani Real no minuto 25, empatando os de Esgos antes de rematar a primeira parte.
Tralo paso polo vestiario Borjas volvía adiantar aos valdeorreses cun gol no minuto 53 e Dani Real volvía marcar no 63′ poñendo o 3-1 no marcador. Os visitantes transformaban un penalti no minuto 80 acurtando distancias pero oito minutos despois Íker sentenciaba o encontro co cuarto gol local.
Co 4-2 final e os tres puntos no peto, os de Jesús Álvarez suman a novena vitoria no que vai de tempada, con 28 puntos (a tres do líder) e un partido menos. O seguinte encontro, o último da primeira volta e do ano, será a vindeira fin de semana no campo do CD Vilardevós.
Fotos: Carlos G. Hervella.