EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Tres viños valdeorreses premiados na XXXV Cata dos Viños de Galicia

As adegas premiadas co presidente da D.O. Valdeorras./ Foto: DO Valdeorras.

 

Un total de tres viños da Denominación de Orixe Valdeorras resultaban distinguidos na XXXV Cata dos Viños de Galicia, promovida pola Xunta e cuxos premios se entregaban esta tarde. Así o Acio de Ouro Branco de Valdeorras correspondíalle ao godello de Joaquín Rebolledo e o de prata era para D’Berna godello de Guitián & Blanco.

Ademais, Domus de Bodega Roandi S.L., era distinguido na categoría de viños tintos de colleitas anteriores como terceira mellor referencia do ano en Galicia.

Nesta ocasión co premio ao mellor viño branco de Galicia era distinguido o Abelán da D.O. Rías Baixas, e o galardón ao mellor tinto correspondíalle a Viña Vella da SAT Virxe dos Remedios, da D.O. Ribeira Sacra.

Na edición deste ano das Catas de Galicia inscribíronse un total de 384 mostras de viño, concretamente, 264 de branco e 120 de tinto, procedentes de 166 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas de viños galegos. Así mesmo, rexistráronse un total de 44 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia, pertencentes a 16 empresas. Neste caso con 14 de augardente de Galicia, 5 de augardente envellecida, 5 de augardente de herbas, 8 de licor de herbas e 12 de licor café.

O conselleiro do Medio Rural, José González, clausuraba a gala das Catas de Galicia 2023 celebradas no Pazo de Quián en Boqueixón (A Coruña). Felicitaba aos premiados e destacaba o papel do sector vitivinícola para levar a marca Galicia por todo o mundo e impulsar a economía no rural galego.

 

Artigos relacionados

Back to top button