SanidadeÚltima hora

Trinta persoas eran diagnosticadas de mieloma múltiple na área sanitaria ourensá no último ano

A día de hoxe 130 de persoas están en tratamento activo nos tres hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras

 

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, no último ano, trinta persoas foron diagnosticadas de mieloma múltiple, enfermidade que mantén en tratamento activo a cento trinta ourensáns a día de hoxe, atendidos polo Servizo de Hematoloxía e Hematoterapia, cunha carteira de servizos integral diagnóstico-asistencial e que oferta tratamento nos tres hospitais públicos da provincia.

A incidencia poboacional da provincia é superior á media –estimada en 5 casos por cada 100.000 habitantes- derivada da maior porcentaxe de persoas maiores, grupo de idade no que a afectación do mieloma se incrementa. De feito, a mediana de idade dos pacientes ourensáns é de 72 anos. Non si, este ano, de xeito excepcional preto da metade dos novos casos diagnosticados son menores de 70 e catorce deles foron candidatos a recibir un auto-trasplante, que se realizou en Ourense.

En Ourense, os pacientes en tratamento activo, poden recibilo no hospital máis próximo ao seu lugar de residencia, xa que o Servizo de Hematoloxía conta con Hospitais de Día, para a dispensación de tratamentos subcutaneos ou intravenosos, nos hospitais públicos de Verín, Valdeorras, e no Universitario de Ourense.

Nos tres centros dispoñen igualmente dun seguemento personalizado por parte do Servizo de Farmacia, que dispón de profesionais especializados asignados a hematoloxía, nos tres hospitais, onde son responsables da medicación oral e peza clave para garantir a seguridade e a eficacia dos tratamentos. Tamén se encargan de validar as prescricións, supervisar a preparación de quimioterapias e terapias dirixidas, e facer o seguimento da resposta clínica dos pacientes, ademais de ofrecer información a profesionais e familias.

Un “cancro” do sangue

O Mieloma Múltiple considérase un cancro do sangue. As células plasmáticas da médula, que forman parte do sistema inmunolóxico -ou de defensa fronte as infeccións- transfórmanse en células tumorais, alterándose o seu funcionamento e aumentando o risco de infeccións; producindo dano a nivel óseo. Asemade ao deformar o mecanismo de “renovación” causan anemia, e poden desencadear tamén insuficiencia ou fallo renal.

Dependendo dos órganos afectados, pódese atopar anemia ou baixa hemoglobina, cansazo, fatiga, dores nos ósos ou inchazón. Estes síntomas poden ser sinais de que pode haber unha proteína anormal, e levar ao diagnóstico do mieloma múltiple. Ademáis, os pacientes poden experimentar náuseas, estrinximento, perda do apetito, confusión, infeccións, perda de peso involuntaria, sede, debilidade e necesidade de ouriñar con frecuencia. Aínda así, é necesario comprender que, ao principio, o mieloma múltiple non necesariamente presenta signos físicos.

Non se coñece exactamente a causa desta enfermidade, a exposición a tóxicos e radioterapia parecen favorecela e, aínda que existen familias nas que inciden varios casos, non é unha enfermidade hereditaria.

Innovación nos tratamentos

Pese a que a día de hoxe aínda non existe unha cura definitiva para o MM, o avance dos tratamentos permite contar con alternativas terapéuticas que garanten, en moitos casos, unhas expectativas de supervivencia acordes coa esperanza de vida.

Ademais dos tratamentos actuais, o doutor José Angel Méndez, do Servizo de Hematoloxía de Ourense, destaca que “A estrutura sanitaria implicada na atención aos paciente de mieloma incorpora ano a ano a innovación”. Asemade subliña que “a melloría nos procesos diagnósticos, de monitorización e de tratamento permiten mellorar os resultados e a calidade de vida dos nosos pacientes”.

Nesta liña, no último ano consolidouse o tratamento con anticorpos biespecíficos, ata hai pouco empregados no marco de ensaios clínicos, “incorporouse ao tratamento dalgúns pacientes esquemas de 4 fármacos” di Mendez, “e podemos enviar a terapia CAR-T a aqueles pacientes con indicación”.

As CAR-T, do inglés Chimeric Antigen Receptor T-Cell, é un tratamento de inmunoterapia avanzada, cada vez máis estendida na abordaxe dos tumores do sangue como a leucemia e linfoma. Consiste en administrar linfocitos ou glóbulos brancos T, pertencentes ao propio paciente, tras ser modificados xenéticamente á medida da súa enfermidade, para facelos máis efectivos contra o tumor.

Back to top button