En portadaÚltima hora

Trives celebrará o Día da Muller con mesas redondas, cine, danza ou obradoiros

O acto central está previsto para o día 8 de marzo ás 20:30h. no Auditorio Julio Vázquez
Imaxe do acto da celebración do Día da Muller en Trives no 2017./ Foto: Concello de A Pobra de Trives.

Con multitude de actividades conmemorarase o Día da Muller no concello da Pobra de Trives. O acto central está previsto para o 8 de marzo ás 20:30h no Auditorio Julio Vázquez. Fará a apertura a concelleira de Cultura, Muller e Igualdade, Isabel González Fandiño, e a directora do CIM (Centro de Información á Muller) de Trives, Susana Gómez González.

O acto incluirá unha mesa redonda coa participación de varias mulleres emprendedoras da Pobra de Trives que explicarán as súas diferentes experiencias e como lles inflúe o ser muller nos seus traballos e empresas. Tamén poderá coñecerse o seu día a día como muller á fronte da empresa a través de breves vídeos de cada unha delas. Ademais Mónica Álvarez actuará cunha coreografía de Danza Tribal.

Dentro do marco da celebración do Día da Muller, o venres, día 9, ás 22h. no Auditorio Julio Vázquez proxectarase a película “Las chicas del calendario”, reflexando e reforzando a vida de mulleres emprendedoras, traballadoras, exitosas e con iniciativa.

E o sábado, día 10 de marzo, ás 18h. tamén no Auditorio haberá cine infantil coa película “Brave”, pensada para romper moldes, cunha protagonista feminina que se nega a determinados estereotipos.

Dende o CIM levaranse a cabo Obradoiros de Comunicación Afectiva cos alumnos do I.E.S. Xermán Ancochea Quevedo con diferentes xornadas, durante os meses de marzo e abril.

Este conxunto de actividades serán promovidas pola Concellería de Cultura, Muller e Igualdade da Pobra de Trives e polo CIM deste concello.

Cartel do programa de actos do Día da Muller en Trives.

Artigos relacionados

Back to top button