José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), e a alcaldesa de Povoa de Trives, Patricia Lamela, veñen de asinar un convenio para o financiamento, posta ao dispor dos terreos, execución e entrega das obras do proxecto de construción dunha senda fluvial no río Fiscaiño e recuperación ambiental do río Bibei.
As obras consistirán basicamente en construír un novo carreiro de 1.165 metros lineais nas marxes do río Fiscaiño, ao seu paso polo núcleo de Trives; será de 2 metros de ancho aproximadamente, de pavimento terrizo e contará, ademais, cunha pasarela de madeira que unirá ambas marxes.
No río Bibei procederase á recuperación ambiental e á mellora de marxes co ánimo de mellorar a súa accesibilidade para o uso e goce dos veciños, ademais de valorizar a riqueza ambiental e paisaxística da zona.
En aras da colaboración entre administracións, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil cofinanciará as actuacións necesarias que precisan dun investimento aproximado de 475.000 euros.