ConcellosÚltima hora

Trives convoca a segunda edición do concurso “Cóntame un Contiño”

Este certame de contos curtos forma parte da programación deseñada por este Concello para celebrar as Letras Galegas
Cartel deste concurso literario trivés.

Entre as propostas que a Concellería de Cultura da Pobra de Trives ultima para conmemorar o Día das Letras Galegas figura a segunda edición do Concurso de Contos Curtos “Cóntame un Contiño”, dirixido a todo o público de 6 anos en adiante. Nel poderá participarse en 4 categorías segundo a idade: de 6 a 9 anos, de 10 a 12 anos, de 13 a 17 anos e de 18 anos en adiante.

“O obxectivo desta actividade”, adiantan dende a Concellería de Cultura, “é promover a lectura e a escrita en lingua galega, fomentando tamén a creación literaria. Ademais nos contos deben incluír unhas palabras claves que son iguais para todas as categorías”. Con esta proposta búscase, ao mesmo tempo, a dinamización lingüística.

O prazo para presentar os traballos e concursar vai do 6 ao 15 de maio deste ano. Nas bases establécese un premio por categoría. Para ver os requisitos e máis información pódense consultarse estas bases na páxina web con concello: www.apobradetrives.es.

Artigos relacionados

Back to top button