EconomíaEconomíaÚltima hora

Trives dará a coñecer os seus recursos enogastronómicos e turísticos en Xantar

O Concello contará cun expositor propio neste certame, que se celebrará do 6 ao 10 de febreiro en Expourense
Expositor do Concello de Trives na anterior edición de Xantar./ Foto cedida.

Mantendo a liña de anos anteriores, A Pobra de Trives promocionarase en Xantar, o Salón Internacional do Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense e xa vai pola súa 20ª edición, e que se inaugurará o vindeiro 6 de febreiro. O Concello de Pobra de Trives acudirá ao certame cun stand para promocionar a bica e o resto de produtos turísticos do municipio, tales como viño, embutidos, mel… “nunha das mellores plataformas que existen agora mesmo en Galicia”, destacan dende a administración local.

Dende o Concello co apoio dos produtores da zona, considérase que é “especialmente importante a participación en foros deste tipo, xa que a gastronomía é a segunda motivación dos turistas para visitar Galicia, polo que apostamos por esta cita para promocionar a nosa oferta enogastronómica e tamén turística. Estaremos presentes en Xantar cun stand coma o ano pasado, grazas á colaboración dos produtores da vila, tentando dar a coñecer A Pobra de Trives do maior e mellor xeito posible”, destacan dende o Concello.

Ademais o sábado 9 de febreiro terá lugar o “Día Dedicado ao Concello de Trives e ás 13:30h a degustación dos seus produtos gastronómicos no stand. “Agarrándonos a cifras da última edición falamos de formar parte dos máis 273 expositores coa representación de 12 países, de dar a coñecer Trives aos 24.000 visitantes que recibiu a feira ou de contar con 5.000.000 de seguidores a través dos medios de comunicación que recibiu a feira, situada nas instalacións de Expourense”, resaltan dende o Concello de Trives.

Dende esta entidade local anímase a visitar o seu expositor en Xantar para, dese xeito, “coñecer un pouco máis da enogastronomía e turismo da Pobra de Trives, onde xantar e durmir, e que actividades se poden facer ou que sitios visitar neste municipio”.

Artigos relacionados

Back to top button