Malia ser natural de Albacete, Constantino Martínez Fernández facía de Trives o seu fogar décadas atrás. Nesta vila, á que chegaba para traballar, formaba a súa familia tras casar con Isabel Fernández e ser pai de Begoña e Eduardo. E en Trives falecía o 29 de setembro aos 81 anos.
Constantino Martínez era unha persoa moi coñecida nesta vila, na que exerceu de tenente de alcalde e foi concelleiro, ademais de traballar como como xefe da sección da Oficina Agraria Comarcal. “En ambos desempeños fíxoo con impecable dedicación e vocación de servizo púbico”, tal e como destacaba a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, no decreto asinado o 29 de setembro no que declaraba tres días de loito oficial no municipio (dende as 15h. do 29 de setembro ata as 15h. do 2 de outubro), durante os cales as bandeiras, ubicadas no exterior de todos os edifcios municipais, ondearán a media asta como sinal de loito”.
Ademais o decreto indica que se suspenden todos os actos públicos oficiais do Concello durante ese loito oficial e tamén se amosan as condolencias aos familiares de Constantino Martínez. A súa capela ardente está instalada no Salón de Plenos do Concello de Trives. O seu funeral está previsto para o 1 de outubro ás 18h. na igrexa parroquial de Trives, a continuación será enterrado no cemiterio desta localidade.