ConcellosTrivesÚltima hora

Trives estrea parque infantil cuberto e cun rocódromo, entre outros espazos de xogo

 

Máis posibilidades de xogo, nun espazo máis amplo e con maior seguridade. Vén de rematar a reforma integral do parque infantil do concello de Trives. Esta intervención permitiu “aumentar a superficie de xogo cun firme de caucho continuo brando, moito máis hixiénico que o anterior, adaptado así aos tempos do Covid”, tal e como se informa dende o Concello da Pobra de Trives.

Ademais, trátase dun parque integrado no entorno, “sen perder de vista o colorido para o disfrute dos máis pequenos”, e tamén cuberto, o único “deste tipo en toda a comarca, o que permite o disfrute dos nenos e nenas incluso en época de inverno”, engaden dende o Concello trivés.

Este espazo infantil dispón dun rocódromo para os máis cativos, buscando favorecer a súa actividade psicomotriz, así como dun xogo cun tobogán. “Tamén conta con un gran elemento central que integra columpios, zona de escalada, tobogáns e demáis xogos inclusivos e adaptados á normativa pensados todos eles para conxugar deporte, diversión e aprendizaxe”, destaca o Concello.

 

 

A elección de cada un dos xogos non foi ao azar, senón que está minuciosamente coidada, “tendo en conta tamén a particularidade interxeneracional no noso municipio, de xeito que podan tamén disfrutar do parque os adultos, ben coa lectura dende os coloridos bancos que percorren o parque, ou ben participando do xogo conxunto cos máis pequenos, para o que foron instaladas mesas con sillas ancladas de parchís, damas e xadrez (para o que cada un deberá levar as súas fichas dende casa)”, aseguran dende o Concello, que aposta con esta actuación pola infancia e pola actividade ao aire libre.

Nese senso, convida a gozar das novas instalacións e tamén a coidalas, “xa que son para o disfrute de toda a veciñanza”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button