Os toques de ata trece folións diferentes enchían Trives da forza do Entroido do oriente ourensán na tarde deste domingo 16 de febreiro. A vila acollía a xuntanza de folións que promove con éxito dende hai xa 16 anos a Asociación Os Labregos.
Era precisamente o seu folión e os seus Boteiros os que abrían o desfile que partía arredor das 15:30h. da Finca da Barreira e que logo continuaba polo casco antigo da vila ata a praza do Reloxo. Numerosas persoas seguían o percorrido desta comitiva entroideira chea de ritmo, cor, máscaras e danzas.
Ademais do Folión Os Labregos desfilaban outros tres folións triveses: A Lardeira, As Maceiras e A Caniceira. As Mázcaras de Buxán (O Bolo) enchían asemade das súas coloristas danzas ás rúas ao ritmo do toque de bombos e gadañas, os Boteiros de Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso sorprendían cos seus saltos e as Mázcaras de Manzaneda despregaban a súa elegante danza ao trepidante toque do fulión.
Tamén participaban os folións de Carracedo da Serra (A Gudiña), os Arrieiros de Petín, Os Viticultores de Vilamartín, o folión de Queixa e o da Veiga, coa figura da Morte e os Charrelos. Pechaba o desfile o folión de Fradelo (Viana do Bolo), precedido polas carreiras dos seus Boteiros.
Pasadas as sete da tarde este último folión chegaba á praza do Reloxo e completábase o desfile, no decurso do cal a Policía Local e Protección Civil de Trives e Manzaneda encargábanse de regular o tráfico e velar pola seguridade. Despois, os folións asistentes eran agasallados por Os Labregos cunha merenda no pavillón polideportivo trivés.
Fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis fotos:
https://osil.info/o-xvi-desfile-de-folions-de-trives-en-imaxes/
Vídeos:
https://osil.info/videos-do-xvi-desfile-de-folions-de-trives-organizado-por-os-labregos/