No amplo abano de propostas que vén despregando o Concello de A Pobra de Trives neste verán tamén hai espazo para a tradición vitivinícola desta comarca de montaña. Así na mañá do 10 de agosto organizábase a segunda xornada de “Vivamos o viño” cunha visita aos viñedos e á adega trivesa de Chao do Couso. Nela participaban unhas 25 persoas.
Esta actividade, organizada dende o servizo de Turismo, principiaba ás 11:45 coa saída cara a adega, onde agardaba aos visitantes Xiana Domínguez, responsable de Chao do Couso, que despois facía unha entretida visita guiada polos viñedos.
Neste percorrido os asistentes puideron ver tamén as covas dos fuxidos e ata un lagar romano. Logo xa na adega remataban a visita do mellor dos xeitos posibles: catando os seus viños acompañados doutros produtos de Trives (pan, embutidos e bica). Nesta visita cubríanse as prazas dispoñibles, quedando todos os asistentes “encantados coas explicacións e cos viños da adegueira”, segundo se destaca dende o Concello de Trives.
Fotos cedidas.