Era un dos actos máis esperados polos devotos do Santo Cristo na Pobra de Trives. Encabezada polos membros da cofradía, un ano máis a procesión coa súa imaxe percorría as rúas da vila no mediodía do 14 de setembro. Multitude de persoas participaban nesta procesión na que tamén sacaban a imaxe da Virxe, que concluía na igrexa parroquial, onde se oficiaba a misa do día grande das Festas do Cristo na capital da comarca Terras de Trives. Ademais dos actos relixiosos o programa incluía propostas lúdicas e musicais.
A seguinte cita en Trives será, xa na fin de semana, a festa na honra á Virxe das Dores, popularmente coñecida como Dolorosa. O acto central celebrarase o domingo 18 de setembro. A eucaristía solemne comezará ás 12:30 horas, seguida pola multitudinaria procesión que levará á imaxe da Dolorosa por toda a vila. Igual que no caso do Cristo, tamén haberá música para amenizar a festa da Virxe. A charanga Nova Terras de Trives fará o pasarrúas o día 17. Pola tarde o escenario da festa estará tomado pola orquestra Gran Casino que porá o broche musical á xornada actuando pola tarde e tamén pola noite ata altas horas da madrugada. O domingo, o pasarrúas e concerto correrá por conta da Banda de Música de Ramirás mentres que o baile virá da man da orquestra Compostela.
Fotos: Carlos G. Hervella