EconomíaEconomíaÚltima hora

Ponse en marcha a tempada de verán dos trens turísticos con todas as prazas de xuño esgotadas

Este sábado 6 de xuño iníciase unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta da Ribeira Sacra polo Sil e dos Faros

 

Esta mañá o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaba na estación de Ourense, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; así como polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e pola xerente desta entidade, Emma González; a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician este sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil.

Xosé Merelles destacou o éxito desta iniciativa, “que constitúe xa unha das citas de referencia na programación turística da comunidade, co recoñecemento do público como de organizacións do sector”. Neste sentido, incidiu en que “os itinerarios de xuño xa están vendidos ao completo, e as primeiras citas de xullo están tamén a piques de esgotarse”.

Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo).

Para o director de Turismo de Galicia, isto “da boa mostra do éxito desta iniciativa única, que integra sostibilidade e singularidade”. Xosé Merelles definiuna como unha “proposta icónica” e referiuse ao seu aporte á desestacionalización e redistribución do turismo pola comunidade.

Ademais, abundou tamén no factor da sostibilidade e da singularidade do programa. “Propón unha xornada nun medio de transporte como o tren, que non só é máis sostible que outros, senón que ademais permite formar parte dunha experiencia colectiva, vivida con máis viaxantes. É por tanto non só unha forma distinta de achegarse a Galicia, senón tamén de experimentar a propia viaxe”.

 

 

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa un ano máis na posta en marcha da campaña dos Trens Turísticos de Galicia, unha iniciativa consolidada como referente do turismo ferroviario en España e que volverá situar á provincia como un dos principais destinos desta oferta experiencial.

O programa, promovido grazas ao convenio de colaboración entre o Inorde, Turismo de Galicia e Renfe, alcanza este ano a súa décimo terceira edición cun total de 13 rutas e 33 saídas entre os meses de marzo e outubro. A provincia de Ourense mantén un protagonismo destacado dentro da oferta, concentrando cinco das trece rutas e catorce das trinta e tres saídas programadas para toda Galicia.

 

 

Rosendo Fernández destacou que os Trens Turísticos constitúen “un dos mellores exemplos da colaboración institucional para crear produtos turísticos de calidade, sostibles e capaces de xerar actividade económica no territorio durante boa parte do ano”.

O presidente do Inorde puxo en valor o peso específico da provincia dentro da campaña, sinalando que catro das cinco rutas ourensás son xestionadas directamente polo organismo dependente da Deputación: Ribeira Sacra-Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra. Ademais, a ruta de Monterrei reforza a súa programación cunha saída máis respecto á pasada edición.

Campaña 2026

O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada. Ademais das que se inician en xuño, en xullo comezan as Rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra (4 de xullo, 19 de agosto); a das Rías Baixas (11 de xullo, 12 de setembro); e a do Ribeiro-Rías Baixas (18 de xullo).

Agosto será o mes no que se inicien as saídas das Rutas das Mariñas (1 de agosto, 5 de setembro); a dos Pazos e Xardíns (8 de agosto, 19 de setembro); a de Monterrei (8 e 29 de agosto); a do Museo MEGA e A Coruña de 1906 (15 de agosto); e a dos Queixos (22 de agosto e 3 de outubro), que será a que poña punto e fin á campaña de 2026.

A nivel de ocupación, vendéronse xa dúas rutas por completo (a das Camelias e a dos Faros), e outra máis vai camiño de esgotarse, con máis do 70% de prazas vendidas (a da Ribeira Sacra do Sil).

En 2025 acadouse máis dun 92% de ocupación, completándose os trens das rutas dos Queixos, Ribeira Sacra do Miño e o Sil, Rías Baixas e a dos Faros, que ademais foi recoñecida co premio ‘Tourism-Friendly’ na categoría de viaxes de curta distancia da Unión Internacional de Ferrocarrís.

 

Back to top button