DeportesFútbolUD BarbadásUD OurenseÚltima hora

UD Ourense e UD Barbadás asinan un convenio “estratéxico de filialidade”

 

A Unión Deportiva Ourense e a Unión Deportiva Barbadás veñen de asinar un convenio “estratéxico de filialidade” que marca un antes e un despois na estrutura futbolística de ambos clubes. Mediante esta alianza dunha tempada con opción a renovación, a UD Barbadás “pasa a funcionar como o filial oficial da UD Ourense, facilitando un salto madurativo e competitivo idóneo para os xogadores formados na canteira vermella que aspiran a consolidarse no primeiro equipo na Primeira Federación”.

O acordo, xestionado polos equipos directivos de ambas as dúas entidades, presentouse formalmente na bancada do Estadio do Couto. “Esta unión non só ten unha dimensión estritamente deportiva, senón tamén unha fonda vocación social de vertebración provincial”, aseguran.

 

 

O presidente da UD Ourense, Javier Orbán, amosouse profundamente satisfeito coa sinatura deste contrato, destacando que o obxectivo prioritario é que os rapaces da provincia teñan unha liña clara de progresión. “Máis que un convenio, isto é unha unión de forzas. É un proceso que madura durante anos e que por fin se plasma. O que buscamos é que os nosos nenos teñan onde chegar, facer provincia”, apuntou Orbán. O máximo mandatario vermello sinalou tamén que a sintonía coa directiva do Barbadás é total e que se buscará un impulso social mutuo, desexando que “a xente da UD Ourense sinta o Barbadás como algo propio, e a xente do Barbadás sinta o Ourense como algo propio; que estar sentado na bancada dos Carrís ou do Couto sexa o mesmo”.

Pola súa banda, o presidente da UD Barbadás, Pablo Campelo, agradeceu a confianza depositada pola directiva ourensá e amosouse convencido do éxito da alianza. Campelo manifestou que “este paso estratéxico fará que ambos os clubs sexan máis fortes”, aproveitando non só a proximidade xeográfica, senón tamén unha filosofía de traballo moi compartida.

Back to top button