OurenseÚltima hora

UD Ourense e UD Barbadás únense para “traballar de forma conxunta polo fútbol ourensán”

Os presidentes de ambos clubs veñen de asinar un convenio de colaboración
Os presidentes da UD Barbadás e da UD Ourense, José Manuel Fernández e Ramón Dacosta.

Traballar conxuntamente “polo ben do fútbol ourensán” é o obxectivo que persegue o convenio de colaboración que asinaban o 6 de agosto, os presidentes da UD Ourense, Ramón Dacosta e da UD Barbadás, José Manuel Fernández.

O texto asínase por esta tempada, coa intención de amplialo se ambas partes están conformes ao remate da mesma, e entre os puntos que inclúe está “aproveitar ao máximo o potencial dos mellores xogadores sub-23 da provincia poñendo ao seu dispor un escenario para que poidan medrar coma futbolistas respectando os valores que consagran ambas entidades”. Tamén está na mente dos clubs, “ofrecerlles unha estrutura deportiva de calidade que se adapte á sua progresión e que lle permita competir en cada momento na máxima categoría para a que estén formados tras rematar a idade xuvenil”.

Pero con este convenio, non só pretenden apoiar á base senón “reforzar o nivel de competitividade de ambos clubs, optimizando os recursos en adestramentos e competición”, solicitando á RFGF que “cando ambos equipos actúen como locatarios non se produza coincidencia horaria para posibilitar unha maior asistencia de público nos encontros”.

Por último, tamén os socios de ambos clubs se verán beneficiados con esta colaboración xa que desfrutarán dun desconto do 50% nas  entradas para acceder ao campo da entidade conveniada.

Foto: UD Barbadás.

Artigos relacionados

Back to top button