
Algunhas das actividades programadas no marco das XI Xornadas de Poertas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras xa completaron o seu aforo, entre elas a cata de Viños de Valdeorras e chocolates; a acción de posta en valor da Ruta da Loba da Fada; a actividade “Descubrindo as pegadas do pasado”, que propón un picnic en Larouco ou a observación astronómica que este venres celebrarase no hotel Pazo do Castro da man de Francisco Javier Cerdán Núñez.
Varios dos autobuses procedentes de diferentes cidades que chegarán a Valdeorras esta fin de semana tamén completaron as súas prazas. En concreto, están cheos os buses que chegarán o sábado a Valdeorras desde Ponferrada, Vigo e A Coruña, o que se traducirá na chegada de 117 persoas para participar nas diferentes actividades. Con todo, aínda quedan prazas no bus que partirá desde Ourense capital este sábado.
Os interesados e interesadas en asistir ás diferentes actividades que se poñerán en marcha e para as que aínda quedan prazas poden inscribirse na páxina web https://www.rutadelvinovaldeorras.com/ ou nos perfís de Facebook e Instagram da asociación.
Lousa e viño
Aínda quedan prazas dispoñibles para participar na actividade “Entre lousas e viños de Valdeorras”, que pretende ‐este 28 de maio‐ resaltar a ligazón entre os dous principais motores económicos da comarca cunha visita a unha canteira na que se poderán ver os traballos que alí se realizan e que finalizará cunha cata nunha adega. Esta actividade está promovida pola empresa Enoturismo de Galicia.
Románico e viño
Divulgar a historia da comarca de Valdeorras é o obxectivo doutra das accións que compoñen o programa das xornadas e na que é posible aínda inscribirse. En concreto, esta actividade leva por nome “A Idade Media, o románico e o viño” e busca, desde Xagoaza, ilustrar aos visitantes sobre as peculiaridades do viño da comarca neste período histórico.
A adega Godeval, unha das amparadas polo Consello Regulador, promove ás 11.30 horas da mañá do sábado 28 de maio reeducar olfacto, memoria olfativa e fortalecemento das células sensoriais a través dunha actividade que poñerá en valor os aromas do godello. Para esta actividade aínda hai prazas dispoñibles.
Túnel do Viño e covas
Ademais, é posible inscribirse aínda no Túnel do Viño do sábado ou na actividade “Experiencia de arte e viño”, un evento de lecer no que os participantes poderán pintar un cadro con pintura acrílica inspirado na obra A noite estrelada de Van Gogh.
“Viñoteando entre covas”, unha actividade que pretende poñer en valor o patrimonio vitivinícola da zona, en concreto as súas covas, é a actividade central do domingo e desenvolverase en horario de 10.30 a 14.15 horas. Trátase dunha actividade promovida por Enoturismo Galicia e aínda quedan prazas.
Nesa mesma xornada, de 11.00 a 13.00 horas, vaise celebrar a actividade “Un paseo da man do poeta Florencio Delgado Gurriarán”. Os interesados poden inscribirse aínda.