ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BoloÚltima horaVídeos

Unhas 500 persoas desafían á chuvia na XV Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo)

 

Un ano máis e contra todo pronóstico, a meteoroloxía respectaba (polo mnos durante boa parte do percorrido) a XV edición da Ruta dos Fornos que na xornada deste sábado 4 de maio reunía a unhas 500 persoas, menos que o ano pasado, en Celavente (O Bolo) seguindo o formato de sempre: un percorrido circular duns 4,6 quilómetros con paradas para comer nos seis fornos comunais recuperados hai máis dunha década.

 

 

Coma sempre a ruta comezaba coas oportunas explicacións por parte da organización, a Asociación Centro de Animación Rural Celavente, e o poema escrito por Juan Corzo que este ano tampouco podía acudir deixándoo gravado para os asistentes. A partir de aí, co acompañamento musical de Treboada Arroutada de Tomiño e dos cantos de taberna Abertal, arrancaba a ruta ata o primeiro dos fornos, tras unha pronunciada pendente: o do Viduedo con chourizo asado. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo era no Forno dos Ortos con empanada.

 

 

Baixando cara a parte sur da aldea, os participantes atravesaban soutos e estradas ata a terceira parada no Forno de Outeiro con orella, morro e xamón cocidos. De aí pasaban polos Fornos do Fondo con xamón asado;  do Campo no que servían torta de roxóns; e finalmente o do Cima con roscón. Nos catro primeiros fornos había auga e viño e nos dous últimos licores.

 

 

A festa, á que asistía xente chegada dende diferentes partes de Galicia e mesmo das Illas Canarias, remataba coma sempre na praza onde a organización instalaba o bar e no seu desenvolvemento traballan unha trintena de veciños do pobo así como voluntarios seis membros de Protección Civil do Bolo, Petín e O Barco de Valdeorras.

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Carlos G. Hervella e cedido.

Artigos relacionados

Back to top button