OurenseÚltima hora

Un camión que transportaba porcos, envorca no Alto do Rodicio

 

Na tarde deste luns producíase un accidente de tráfico no PK 28 da OU-536, no termo municipal de Maceda. Tal como explican dende a Garda Civil, en torno ás 15 horas un camión que transportaba porcos envorcaba sobre a calzada na curva pechada do Alto do Rodicio, resultando ileso o condutor.

O vehículo transporta uns 500 animais con destino a unha granxa de Xinzo de Limia e o accidente provocaba a morte dalgúns deles, quedando outros soltos pola estrada polo que os servizos de emerxencia tiñan que intervir.

Tras coñecer o incidente o CIAE 112 Galicia avisou a Emerxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, ao GES do Pereiro de Aguiar, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e á Protección Civil de Maceda.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de San Cibrao, os animais vivos eran trasladados noutros camións esperando por outro vehículo para transportar aos mortos no accidente.

Artigos relacionados

Back to top button