
Cun deseño titulado “De sol a sol”, que representa unha homenaxe á muller vendimadora, a pontedresa Isabel Núñez Montero vén de alzarse co premio do concurso de carteis da XL Feira do Viño de Amandi. O seu traballo era elixido por unanimidade polo membros do xurado deste certame. A gañadora recibirá un premio de 600 euros.
O Concello de Sober dará a coñecer este cartel nun acto que se celebrará o día 21 de marzo no miradoiro dos Chelos, en Amandi, no que tamén será presentada a programación do Mes do Amandi e os actos da XL Feira do Viño de Amandi.
Isabel Núñez Montero gañou numerosos concursos de carteis nos últimos anos por toda Galicia, entre eles, o convocado pola Festa da Reconquista de Vigo, Festa do Marisco do Grove, Festa da Lamprea de Arbo ou polo Festival de Bandas de Música Concello de Meaño, entre outros.

Finalistas
O xurado elixiu ademais 5 finalistas de entre os 38 orixinais que se presentaron, chegados de todo o Estado.
1-‘VITIS VINIFERA SEMENTE DA RIBEIRA SACRA, de Doa Ocampo de Areas-Rosende (Sober).
2-’40 ANOS DE FEIRA’ de Dulce María López Fernández, de Fene.
3-‘PAISAJE’ de Rubén Lucas García, de Torreagüera-Murcia.
4-‘BAAMANDI’ de Eduardo Pérez Bahamonde, de Cambados (Pontevedra).
5-‘NIEVA DOS VECES’ de Cesar Pérez Otero, de Sober.
O xurado
O xurado estivo composto polos deseñadores locais Humberto Loureiro e Michelín Rodríguez. Eles foron os encargados de seleccionar 6 finalistas e os propios adegueiros que participan na feira elixiron, entre eses seis, o cartel que será imaxe da XL edición da Feira do Viño de Amandi.
Durante a celebración da feira haberá unha exposición cos 38 carteis participantes.