Hai tres meses e medio que Alfredo García anunciaba a súa renuncia á alcaldía do Barco de Valdeorras que presidía dende hai case trinta anos, e que se facía efectiva tralo Pleno celebrado o 18 de agosto, collendo o relevo Aurentino Alonso; pero non era ata agora cando os seus amigos, de partido e da vila, o despedían cun xantar homenaxe “con motivo da súa xubilación e tras 26 anos de servizo público como alcalde do Barco” que tiña lugar no Castro.


No mediodía deste sábado 22 de novembro, unhas horas antes da multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública que percorría a estrada central do Barco de Valdeorras, un cento de persoas reuníanse na carpa do Pazo do Castro para compartir un cocido co ex alcalde.
Foi unha xuntanza aberta á poboación á que asistían familiares, coa súa compañeira á fronte, veciños, compañeiros de partido de diferentes partes (alcaldes e representantes da comarca e outros puntos da provincia; senadores, diputados, o secretario provincial e a secretaria socialista) e incluso dous ex alumnos en representación da etapa de Alfredo como docente.

Distribuídos por mesas redondas cos platos nominativos, os asistentes eran recibidos por unha caricatura do homenaxeado feito pola artista baquense Marisú Miranda, a música de dous gaiteiros e un aperitivo que daba paso ás intervencións do actual alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e do propio Alfredo García que daba as grazas aos asistentes por estar hoxe aquí con el.

No seu discurso o ex alcalde lembrou a súa chegada ao Barco en 1975 recoñecendo que é moi refraneiro e lembrando o que di “é mellor caer en graza que ser gracioso”, cando chegou a este pobo “caín en graza”, lembrando os dous anos que foi concelleiro antes de ser alcalde. “Dous anos moi interesantes”, dixo, asegurando que malia non ser natural do Barco, na súa casa en San Andrés del Rabanedo (León), considérase un extraño e non coñece a ninguén “cousa que non me pasa aquí”. Alfredo remataba asegurando que é unha persoa “afortunadísima” porque “tiven a vida que quixen ter”.
No caso de Aurentino Alonso, era o encargado de presentar a “merecida celebración”, un acto amigable no que todos estaban “porque queremos estar”, facendo un repaso pola traxectoria do homenaxeado á fronte do Concello do Barco. Unha persoa á que coñece dende hai 35 anos, 27 deles traballando xuntos e dende o 2010 codo con codo como concelleiro, lembrando as palabras que como afeccionado ao fútbol e máis concretamente ao equipo merengue, lle dixo: “quenta que saes”.
No seu discurso, Tino deulle as grazas a Alfredo, alcalde do Barco durante 26 anos ininterrompidos, facendo un repaso pola traxectoria, primeiro nun goberno de coalición e despois con seis maiorías absolutas consecutivas, “algo que só se consegue cando un pobo recoñece o traballo ben feito”. Presidente do Eixo Atlántico, da Federación Galega de Municipios e Provincias, e “defensor incansable do Barco e da comarca, para Alfredo Valdeorras era e é un proxecto compartido que só pode avanzar dende a cooperación”, dixo, asegurando que “o teu legado está por todas partes” despois de converte “o Barco gris e apagado que collías no ano 1999 nun ben diferente ao que agora temos, transformado nun pobo moderno, acolledor e amable onde o cidadán é o centro de cada acción”, dixo, lembrando algunhas das obras levadas a cabo entre as que sen dúbida destaca o paseo do Malecón.
O alcalde tamén lembrou a adicación que Alfredo sempre tivo no Concello “algo que só é posible co apoio da familia”, por iso tivo unhas palabras de agradecemento para eles quenes “durante anos te compartiron co Barco”, sen esquecer aos compañeiros que xa non están como Juanín e Luis Ramos; e por suposto aos que formaron e forman parte do seu equipo.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.