OurenseÚltima hora

Un documental amosará a vida e traxectoria do deseñador trivés Adolfo Domínguez

Adolfo Domínguez nunha imaxe de arquivo.

 

A Deputación de Ourense patrocinará un documental sobre a vida e traxectoria de Adolfo Domínguez. O proxecto audiovisual, en proceso de preprodución, está impulsado pola Fundación Adolfo Domínguez e será estreado no XXVIII Festival Internacional de Cine de Ourense, no outono de 2023. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez e presidenta da Fundación Adolfo Domínguez, pecharon os detalles do acordo nunha reunión celebrada no Pazo Provincial.

Manuel Baltar recalca a importancia do apoio da Deputación a “un documental para reivindicar a traxectoria e a figura dun verdadeiro ourensán universal” e celebra a pertinencia dun proxecto apoiado na visión do protagonista, “con toda a súa potencia e o seu compromiso con esta terra, demostrado día tras día durante toda a súa traxectoria vital e profesional”.

O presidente do goberno provincial enmarca este patrocinio “dentro da nosa política de apoio a rodaxes en Ourense e promoción do sector audiovisual”, que seguirá avanzando en 2023 despois dun “2022 completamente histórico, no que chegaron a coincidir seis rodaxes simultáneos no noso territorio, impulsamos a Ourense Film Commission e celebramos a mellor, e a máis ourensá, edición do Festival Internacional de Cine de Ourense”.

Manuel Baltar define este acordo como “unha gran nova para promocionar Ourense e falar dun dos nosos xigantes, cando se cumpren 40 anos do seu gran lema, ‘La arruga es bella”.

Pola súa banda, Adriana Domínguez resalta que “estamos moi contentos co apoio da Deputación de Ourense, pois tiñamos moito interese en que o documental tivese sinais moi claros da vinculación á orixe do meu pai en Ourense”.

A presidenta executiva de Adolfo Domínguez e presidenta da Fundación Adolfo Domínguez valora este proxecto como “unha oportunidade para contar esta historia, relatar un dos moitos esforzos dun dos tantos ourensáns que emigraron, fixeron as Américas, e levaron empresas de aquí ao mundo”. E encadra esta produción na celebración do 40 aniversario do lema ‘La arruga es bella’: “Creo que merece moito a pena que nos ‘contemos’ ao exterior e que se coñeza máis Ourense e o espírito desta terra, que sen dúbida é parte fundamental do espírito de meu pai. Faime moita ilusión que esta historia vaia a ver a luz”.

O proxecto indagará nas orixes do modisto dende a súa aldea familiar de Mendoia

O proxecto indagará nas orixes do modisto desde a súa aldea familiar de Mendoia, pasando por Pobra de Trives, onde os seus pais tiveron a súa primeira tenda, ata chegar a Ourense. O documental pretende descubrir aspectos inéditos na vida do deseñador nas diferentes etapas da súa traxectoria persoal e profesional. Con case 400 tendas en 19 países, Adolfo Domínguez converteuse nunha das marcas míticas da moda internacional, tras 45 anos no mercado e 40 anos despois de lanzar o lema “La arruga es bella”. Adolfo Domínguez continúa sendo hoxe o principal accionista da empresa de moda decana na Bolsa española.

O documental, que está en fase de preprodución, contará coa participación doutros intelectuais, amigos e coetáneos do protagonista e abordará aspectos máis íntimos no día a día dunha persoa que, a pesar da súa vocación internacional, nunca deixou de vivir en Ourense e sempre estivo orgulloso das súas raíces.

A Fundación Adolfo Domínguez, produtora do documental, foi creada fai dez anos co obxectivo de promocionar as artes, a ciencia e a saúde. Aínda que a súa actividade reduciuse nos últimos anos, a entidade patrocinou exposicións culturais, concertos, conferencias e talleres, con especial atención ao apoio ao mundo da artesanía. O plan de traballo do documental prevé iniciar a rodaxe na primavera de 2023.

Unha vida profesional adicada a desenvolver dende Galicia un grupo empresarial de moda con proxección internacional

Adolfo Domínguez Fernández (Pobra de Trives, 1950) é conselleiro dominical e principal accionista de Adolfo Domínguez SA, co 31,5% do capital. Presidente do grupo Adolfo Domínguez desde 1992 ata 2020, empresario, intelectual, modisto e escritor, dedicou a súa vida profesional a desenvolver, desde Galicia, un grupo empresarial de moda con proxección internacional. A súa firma dispón hoxe do 51% dos seus 345 puntos de venda en 19 países e emprega a máis de 1.000 profesionais, na súa maioría nos servizos centrais de San Cibrao das Viñas.

Baixo a súa dirección, a compañía foi a primeira empresa de moda española en abrir tendas fóra de España (1980), a primeira en lanzar un perfume propio (Agua Fresca, 1990) e tamén pioneira e decana en Bolsa (cotiza desde 1997). A súa fortaleza e liderado permitíronlle afrontar con éxito adversidades como a do incendio que en 1991 arrasou as súas fábricas en Ourense ou a opa hostil que en 2001 lanzou do grupo Cortefiel para facerse coa empresa. Tras propiciar a substitución xeracional cara ás súas tres fillas, na actualidade apoia desde o consello de administración a transformación da compañía cara a unha nova era. Adriana Domínguez, a súa filla maior, é a presidenta executiva da compañía desde hai dous anos.

Artigos relacionados

Back to top button