En portadaÚltima hora

Un espectáculo sobre Florencio e a cultura vitivinícola, limiar da XXIII Feira do Viño de Valdeorras

Os Korgomófilos e a Moza Fresca presentaban "Florencio Delgado Gurriarán volve a Valdeorras" esta tarde no Teatro Lauro Olmo do Barco

 

“Para Florencio Valdeorras era o principio do mundo e para o viño tamén”, dicía Áser Álvarez na presentación do espectáculo “Florencio Delgado Gurriarán volve a Valdeorras”, que se poñía en escena na tarde do 7 de xullo no Teatro Lauro Olmo do Barco e que supón o limiar do programa de actos da XXIII Feira do Viño de Valdeorras.

Este proxecto multimedia, da man dos Korgomófilos e da Moza Fresca, rendía tributo ao autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, pero tamén á cultura do viño e a todos aqueles que o fan posible, “non se pode esquecer que cultura vén de cultivar”, engadía Aser Álvarez, que asumía o papel de Moza Fresca neste espectáculo, que se desenvolvía cunha “retorta cepeira” do Córgomo natal do poeta, no escenario. A peza facía un percorrido pola vida e obra de Florencio a través do mundo do viño en Valdeorras.

 

 

Nesta proposta non faltaba a música, en directo ou ben de gravacións como un tema composto e interpretado por Anxo Rei, “Valdeorras”, adicado ao mundo do viño e que soaba xa antes da función no Teatro Lauro Olmo. Entre os audios recollidos, destacaba ademais un inédito de Delgado Gurriarán cantando e tocando a percusión, o mesmo que presentaba Anxo Rei durante a súa actuación hai uns días no “De Perto” do Barco.

Ao finalizar estaba prevista unha degustación de viños valdeorreses ofrecida polo CRDO Valdeorras.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button