OurenseÚltima hora

Un estudo analizará a viabilidade mineiro-medicinal na contorna do encoro de Castrelo de Miño

Así o acordaban nunha reunión o alcalde deste municipio e o conselleiro de Economía

Encoro de Castrelo de Miño./Foto: Mónica G. Bellver.

 

Co fin de estudar medidas e iniciativas que poidan dinamizar a actividade económica deste municipio ourensán o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, mantiña nesta semana unha xuntanza co  vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.

En concreto, acordaban colaborar na realización dun estudo de viabilidade mineiro-medicinal das augas do Parque Náutico, na contorna do encoro. Establecerán unha axenda de traballo conxunta para identificar os pasos necesarios que deben adoptarse.

Por outra banda, desde a Vicepresidencia segunda concedéronse, desde 2009, axudas tanto ao Concello como ás súas empresas e particulares, que mobilizaron ao redor de 2,6 millóns de euros para reforzar o seu tecido empresarial, impulsar o comercio e mellorar o aforro e a eficiencia enerxética.

 

Reunión do alcalde de Castrelo de Miño do vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía.

 

A Xunta destaca as vantaxes coas que este municipio conta ao ser Concello Emprendedor, xa que ten prioridade en liñas de axudas destinadas a impulsar a fábrica intelixente, o emprego de calidade ou o emprendemento baseado na innovación e no talento. Pola súa parte, os concellos comprométense a ofrecer ás empresas que se instalen nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e simplificación na tramitación administrativa.

Artigos relacionados

Back to top button