DeportesKárateÚltima horaVídeos

Un fin de curso moi especial para os pequenos karatekas da Rúa

A sección ruesa do Karate Club River Stone conta con 65 licenzas

 

A Rúa sempre foi unha vila con moita tradición karateka. De feito son moitos os veteranos vencellados a este deporte que o seguen practicando, por iso, coa idea de recuperar a escola e implicar de novo aos máis pequenos, en decembro de 2020 o Club River Stone poñía en marcha a sección da Rúa coa veterana do club Raquel F. Cruz á fronte.

En plena pandemia, pouco despois de saír do confinamento, as restricións sanitarias impedíanlles adestrar todo o que quixeran e deberan, pero así e todo comezaban cunhas 35-40 licenzas e hoxe son xa 65 os nenos e nenas que adestra Raquel, moitos dos cales participaban hoxe no acto de fin de curso.

Tal como explica a propia Raquel, a idea era asistir a varios campionatos que xa tiñan confirmados (un en Ponferrada que suspenderon e outro en Negreira que aprazaron). “Tiña varios nenos que xa se animaran a competir e levabamos adestrando moitas fins de semana co cal os pobres quedaron chafados, así que en lugar dunha exhibición ao uso, decidimos montar un fin de curso especial para que os nenos da Rúa puidesen asistir a unha competición e as súas familias puidesen velos”, di.

 

 

E iso era o que celebraban na mañá deste sábado 11 de xuño no pavillón de deportes da Rúa. Xa que non tiveron ocasión de ir ás competicións, o que fixeron foi traer a competición a casa, e para iso contaron coa colaboración dun grupo de 16 competidores do Barco. “Os nenos da Rúa levan apenas un ano e medio adestrando comigo polo que o nivel máis alto que teño é o cinto verde. Nunca viran a cintos marróns, azuis ou negros e alucinaron coas catas que fixeron Hugo, Lena e Enzo, competirores a nivel nacional que levan anos competindo con Nicolás no Barco”, di Raquel, recoñecendo que “isto foi un premio para os alumnos da Rúa”.

O acto, seguido polos pais, avós e demais familiares e no que tamén colaboraron Abdón (adestrador no River Stone O Barco e Pol que o ano que vén abrirá escola en Quiroga), comezaba cun saúdo inicial conxunto cos alumnos da Rúa e os do Barco, seguido dun quecemento tamén conxunto. Despois o grupo da Rúa realizaba técnicas de kihon de kata por clases, sentándose a medida que aumentaba o nivel ata quedar os maiores que tamén fixeron tres Renzoku Wazas (técnicas encadeadas).

 

 

Despois chegaba o momento da aplicación de técnicas, de puño e perna “pegando ao churro” e xa despois unha sucesión de katas por clases e cintos. Primeiro os da Rúa sós, despois cos do Barco, sentándose a medida que aumentaba a dificultade, e rematando cunha exhibición por parte dos propios veteranos.

A festa fin de curso concluía coa entrega de diplomas e golosinas por parte do alcalde da Rúa e karateka Álvaro Fernández, e dous concelleiros, Raúl Yáñez e Alberto González.

Contenta cos seus alumnos e co resultado do acto celebrado hoxe, Raquel asegura que o que están facendo tanto ela na Rúa como Pol en Quiroga é recuperar a tradición karateka que sempre estivo moi arraigada nestas terras, incidindo en que o nexo é Nicolás Rodríguez como director técnico das tres escolas e como mestre que une Valdeorras. “Foi, é e sempre será a nosa referencia e a punta de lanza”, conclúe.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button