A RúaConcellosO BarcoÚltima hora

Un grupo de xoves pretende organizar o primeiro Orgullo LGTB da historia en Valdeorras

 

 

Co obxectivo de reivindicar dereitos e visibilizar a diversidade sexual e de xénero “que tamén existe na nosa comarca”, un grupo de xoves da Rúa e do Barco pretenden organizar o primeiro Orgullo LGTB da historia en Valdeorras, “como un punto de reunión e celebración da diversidade”, explican.

O Día Internacional do Orgullo LGTB é o 28 de xuño pero ao caer a mediados de semana, a data que barallan para a súa celebración é o venres día 30. Aseguran que a iniciativa aínda está en estado embrionario pero a súa idea é “facer ao mediodía na Rúa un encontro con intervencións, tipo micro aberto, e no Barco cara o final da tarde o mesmo e quizais unha mesa redonda con paneis explicativos. Como proposta musical pensamos en ter unha especie de concerto celebrando a diversidade”, contan, adiantando que segundo a acollida que teña poderanse facer máis iniciativas nos vindeiros anos.

 

 

O obxectivo desta vintena de persoas que apostan por esta iniciativa, non é outro que “concienciar á sociedade sobre a necesidade de respectar os dereitos e a dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero”. Con todo, son conscientes de que facer un orgullo LGBT no rural galego é todo un reto, que require moito traballo e ter colaboración e compromiso da sociedade, pero “nós cremos que é unha iniciativa importante porque hai moita xente que pode sentirse illada e invisibilizada porque hai menos recursos e menos presenza de asociacións LGBT, por iso hai que incentivar eventos celebrando o orgullo tamén no rural, de apoio para esta xente”, din.

Para iso, estes xoves motivados por esta iniciativa, apelan á  educación en valores e instan ás institucións locais “a que nos axuden e que os candidatos amosen o seu compromiso e apoio ao respecto”.

Máis información sobre a iniciativa no Instagram valdeorrasconorgullo.

Artigos relacionados

Back to top button