CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Un manto de historias, contos e anécdotas sementadas de humor con Cándido Pazó, no Barco

Presentaba no Xardín da Casa Grande de Viloira o seu espectáculo “Como cho conto” no marco do ciclo “De Perto”

As historias vainas escollendo no momento, en función do público e de como respire, pero non se trata en absoluto dun espectáculo improvisado. Con “Como cho conto” Cándido Pazó despregaba na noite do 11 de xullo no Xardín da Casa Grande de Viloira un abano de historias, contos e anécdotas salpicadas de humor ao longo de case dúas horas, subido ou sentado sobre unha escaleira vermella.

Eran historias poboadas por personaxes como Secundino da Laxe, Xan Lacazán ou Lolo Mexete, nas que se mesturaba realidade con certas doses de fantasía, nun diálogo continuo cun público ao que conseguía captar dende o primeiro momento.

A actuación deste dramaturgo, director e actor vigués era a cuarta das actividades do ciclo “De Perto”, que continuará o venres 14 de xullo cun novo espectáculo de narración oral, desta vez musicado, con Vero Rilo. A súa proposta leva por título “Lavandeiras” e nela estará acompañada ao acordeón por Carlos Quintá. Será ás 22:30h. na beira do Sil, no Malecón do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button