Á luz dos focos os pinceis movíanse con destreza sobre o lenzo branco da parede. Un lenzo situado na rúa Real do Barco que anos atrás era obxecto dunha intervención artística truncada despois por un acto vandálico. Pero os seus creadores, Gerardo Rodríguez “Chere” e Susana Ferradás, volvían insistir, coa temática da sétima arte e desta volta coa axuda do autor do cartel deste ano da Semana de Cine do Barco, e coas mans de mozos e mozas amigos do Cine Club Groucho Marx, na noitiña do 13 de agosto para darlle unha nova vida artística a este lugar.
Así, esta mañá os veciños da rúa Real e as persoas que transitaban por ela podían comprobar como vén de cobrar vida un novo mural que se inicia co cartel desta edición da Semana de Cine. Nel recóllese a figura de Groucho que proxecta, apoiándose sobre unha roda de afiar ourensá, imaxes de diferentes e coñecidas escenas de cine (dende escenasa do oeste ata Marilyn Monroe ou os cazapantasmas), xunto a un patio de butacas no que se rende homenaxe á razón de ser desta iniciativa cultural: o público.
Esta mañá os autores dábanlle os últimos retoques a este novo mural que se crea na zona vella da vila. De seguro que constitúe unha boa antesala de cara a vindeira edición da Semana de Cine do Barco, a 32ª, prevista do 25 de agosto ao 2 de setembro.
Fotos: A.R., agás as 6 últimas que son cedidas.
Vídeo: cedido.