SanidadeÚltima hora

Un orixinal obradoiro infantil de construción dá inicio á VII Semana da Lactación Materna no Barco

Unha ducia de nenos participaban nesta actividade impartida pola nai e arquitecta técnica Silvia Arias

Cartóns de ovos, tetrabriks de leite, caixas de zapatos, roupa ou froita eran algúns dos materiais cos que os máis pequenos se divertían, aprendían e xogaban no obradoiro infantil de “Construción con materiais reciclados”, que se impartía na mañá deste 6 de outubro no local da Asociación De Nai a Nai no Barco. Estaba coordinado e impartido pola nai e arquitecta técnica Silvia Arias.

Con esta actividade lúdica iniciábanse os actos da VII Semana da Lactación Materna do Barco, que promoverá De Nai a Nai baixo o lema “Empoderémonos. Fagamos posible a Lactación!!”. Os actos continuarán o xoves 10 de outubro coa charla “Mitos e realidades sobre a lactación materna” da man da enfermeira e nai, Antía Fernández Gómez.

E xa como epílogo do programa terá lugar o 19 de outubro ás 16h. a xornada “A revolución da maternidade. Instintos e evidencias. Obradoiro de interese familiar e profesional sanitario”, a cargo de Esther Ramírez Matos, psicóloga sanitaria e perinatal, ademais de terapeuta sistémico-familiar e de parella. Esta última actividade será organizada en colaboración co Concello do Barco.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button