
A pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco), continúa retratando nos seus lenzos a insignes persoeiros da cultura galega. Desta volta, é Otero Pedrayo o escollido. Esa pintura vén de converterse nesta ocasión, e non é a primeira vez que acontece, en portada da revista cultural Nós a Xente do Redor. Trátase, en concreto, do seu número 22 e presentarase o vindeiro domingo 20 de setembro, ás 11h., na Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro). O encontro reunirá literatura, pintura e música nun espazo especialmente significativo para esta edición.
Esta creación plástica destaca pola intensidade das cores e a forza expresiva da mirada, cunha interpretación próxima e contemporánea do escritor. Presentala na que foi á casa de Otero Pedrayo establece un vínculo especial entre a creación de Lola Doporto, que participará no acto, e a memoria dunha figura esencial da cultura galega.
A presentación estará conducida por Marina Sánchez, divulgadora cultural que dá voz á literatura e aos seus protagonistas a través do seu canal de YouTube, e por Avelino Jácome, director da revista. Ambos acompañarán os autores e autoras participantes nunha xornada pensada para compartir a creación e favorecer o encontro co público.
O acto contará coa presenza de José Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, así como de representantes da vida política, cultural e asociativa que arrouparán a publicación e as persoas que a fan posible.
A programación musical incluirá as intervencións de Maxi, de Acordeóns de Lalín; Plácido Rozas; Beatriz Silva, de Portugal; e Armando González López. As actuacións alternaranse coas voces dos colaboradores deste número, reforzando tamén os lazos culturais entre Galicia e Portugal.
Esta edición representa, ademais, a perseveranza dun proxecto colectivo. Se o primeiro número naceu na pandemia, o 22 é o da resiliencia: tras adiarse a presentación inicialmente prevista para abril, a revista celebra agora a continuidade do traballo compartido e a vontade de seguir creando comunidade arredor da cultura.