ConcellosÚltima hora

Un seminario internacional centrado na Eurocidade Chaves-Verín analizará o papel milenario da auga como construtora da paisaxe

O foro, organizado pola Fundación Juana de Vega a través da Escola Galega da Paisaxe, desenvolverase do 3 ao 7 de abril
Presentación do seminario na sede da Eurocidade Chaves-Verín.

Divulgar o territorio e os recursos do lugar; incorporar o termalismo e a paisaxe como obxectos de investigación; e formular propostas que sirvan como base para a xestión e ordenación territorial de Verín-Chaves e para o desenvolvemento de futuros proxectos europeos. Son os principais obxectivos do workshop “As idades da auga: as augas construtoras de paisaxes”, un seminario internacional organizado pola Escola galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega coa colaboración da Deputación de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín, que se celebrará entre os días 3 e 7 de abril, centrado na Eurocidade Chaves-Verín.

A presentación do foro tiña lugar na mañá do 16 de marzo na sede da Eurocidade Chaves-Verín e nela participaron o presidente da fundación, Enrique Sáez; a deputada provincial delegada de termalismo de Ourense, Ana Villarino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o presidente da Cámara de Chaves, Antonio Cândido Monteiro, e o encargado de coordinar o seminario, Mario Crecente.

O escenario elixido para o seminario é a Eurocidade Chaves-Verín “polo seu papel na promoción da cooperación territorial desde os seus diversos ámbitos, entre os que destacan o turismo e o termalismo”. Así o destacaba na inauguración o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, quen destacou a aposta da entidade “por atraer a importantes paisaxistas de nivel internacional a Galicia para abordar cuestións que afectan directamente ao desenvolvemento da nosa comunidade”. No caso deste seminario, lembrou que os camiños termais son moi poderosos para potenciar unha zona e abrir fronteiras nun momento no que algúns só pensan en reforzalas. “Os ríos e os camiños flúen, como as persoas. Todo o contrario aos muros”, rematou. Segundo explicou o arquitecto Mario Crecente “o nome elixido parte da idea do pasado milenario e centenario das augas que foron construíndo a paisaxe de Chaves-Verín en concreto, e de todos os territorios en xeral. Desde as augas termais ou as fontes do Camiño de Santiago, ambas milenarias, ata os balnearios da zona, que teñen máis dun centenar de anos”.

Con respecto ao programa do seminario, ademais das sesións cos expertos, inclúe obradoiros, visitas por rutas termais, actividades en torno aos baños termais, visita a un balneario pedagóxico e mesmo a visita a unha planta embotelladora de auga.

No apartado dos relatorios, participaran profesionais de nivel  inernacional, como Joao Nunes, docente en varias universidades; Paul T. Simons, arquitecto especialista en patrimonio histórico e turismo termal ou Barbara Van Diere Wee, experta en paisaxes culturais e profesora da Universidade de Ku Leuven (Bélxica). Tamén participan Luis de Ramón Sánchez, xeólogo e experto en augas termais e minerais, e Mercedes Márquez, membro do Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe e docente do Master Juana de Vega en Arquitectura da Paisaxe.

E no que atinxe aos asistentes a este seminario internacional, o coordinador destacou que o obxectivo é que a participación sexa o máis polivalente posible, dado o seu enfoque multidisciplinar, abranguendo desde arquitectos ata paisaxistas, biólogos, arqueólogos ou historiadores.

Artigos relacionados

Back to top button