EditorialOpinión

Un tempo marcado pola chuvia

A Galicia interior debería valorar máis a súa riqueza fluvial, tanto natural como cultural, e convertela nun recurso turístico no que colaborasen a iniciativa pública e a privada

Con choiva, moita choiva comezaba o ano 2014. Tanta, que os ourensáns chegamos a mirar con preocupación ao ceo e aos ríos, que en diversos momentos e lugares se desbordaron provocando danos de consideración. Sobre as precipitacións dos dous últimos meses e a súa incidencia nos cauces e nos encoros ourensáns (tanto da conca Miño-Sil, como da do Duero á que pertence o Támega) falamos no tema de En Portada que abre este número de marzo.

Nel incluímos unha entrevista co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, que destaca que o 2014 está sendo un dos anos máis chuviosos dos últimos tres lustros. Isto reflíctese na reserva de auga encorada que a finais de febreiro era do 88,7% nesta conca. “O ano máis chuvioso nesta mesma época dos últimos 15 anos foi o 2001, no que había unha porcentaxe de 89,5% ou sexa que estamos a oito décimas de acadar aqueles niveis”, asegura.

Abordamos asemade este tema tendo en conta que o vindeiro 22 de marzo se celebrará o Día Mundial da Auga e que comezarán as actividades do Roiterríos, dentro do Proxecto Ríos que no 2014 cumpre o seu décimo aniversario. “É, xunto co proxecto de seguemento do Cetmar, dos poucos programas que hai a nivel galego de voluntariado e educación ambiental”, destacan dende Adega, que promove a iniciativa en colaboración con Augas de Galicia e co Instituto de Estudos do Territorio.

Nesta edición achegamos tamén as vivencias dun valdeorrés que pasou 16 anos traballando no sector da construción en multitude lugares de Nova York. Amando Franco, veciño de Vilardesilva (Rubiá), explica nesta entrevista a súa experiencia na cidade dos rañaceos, á que despois de tantos anos lle gustaría volver, pero de visita. Con el iniciamos unha serie de testimonios para amosar o traballo co que os emigrantes ourensáns teñen contribuído a construír ou desenvolver sectores en diversas partes do mundo.

Outros dos eidos que tocamos nesta edición é o do turismo da man da recente presentación do Plan “Ourense é a provincia termal”, da celebración de Xantar 2014 ou da I Festa do Botelo na Coruña, promovida polo Concello do Barco. Falamos tamén de infraestruturas, tendo en conta as novidades relativas á futura autovía A-76, e de viticultura con temas como a celebración en marzo da primeira ruta polas adegas de Petín.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button