ConcellosÚltima hora

Un vehículo cae por un desnivel de 50 m en Raigada (Manzaneda)

Era o seu propio condutor, que saía polo seu propio pé do turismo, quen avisaba aos servizos de emerxencias

 

Pasadas as dez da noite do venres 14 de febreiro producíase un accidente de tráfico nas proximidades de Raigada (Manzaneda), na estrada OU-0701 (Cabalar-Vilariño de Conso). Un vehículo saíase da vía pola marxe dereita e caía por un desnivel de 50 metros de profundidade dando varias voltas. Era o seu propio condutor, veciño de Trives, quen alertaba ao 112 Galicia do sucedido.

“A persoa, que apenas tiña unhas mazaduras e rabuñadas, saíu do coche polos propios medios e trataba de subir de novo á estrada mentres chamada ao 112 Galicia para explicar canto lle acontecera e dar os datos máis precisos posibles sobre a súa localización. Mesmo recordaba o último lugar polo que pasara e cara a onde se dirixía. Datos que resultaron de moita utilidade ao persoal do 112 Galicia para enviar a axuda necesaria no menor tempo posible”, segundo  informa o 112 Galicia.

Malia que nun primeiro momento o condutor rexeitaba a asistencia médica,  “o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para trasladar ao ferido a un centro médico e proporcionarlle os coidados necesarios”, citando ao 112 Galicia.

 

 

Ademais, solicitouse a colaboración no operativo dos voluntarios de Protección Civil de Manzaneda e do GES de Castro Caldelas, que confirmaron que “o vehículo caera por un terraplén duns 50 metros de profundidade, nunha zona de difícil acceso. Despois de recuperar as pertenzas do afectado e desconectar a fonte de alimentación eléctrica do coche, os servizos de emerxencias retiráronse do lugar sen máis incidencias”, segundo o 112 Galicia.

Pola súa banda, os axentes da Garda Civil de Tráfico encargáronse de recoller toda información relacionada co sinistro. Ata o lugar tamén se desprazaba o alcalde de Manzaneda.

Fotos: Voluntariado de Protección Civil de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button