SanidadeÚltima hora

Unha alumna do CEIP Castrelo de Miño, premiada no V Concurso Escolar de Carteis relacionados coa doazón e os transplantes

O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu esta mañá o acto de entrega de galardóns, entre os que estaba o de Greta Abella

 

O director xeral de Asistencia Sanitaria da Consellería de Sanidade, Jorge Aboal Viñas, presidiu esta mañá, xunto coa directora de ADOS, Marisa López, o acto de inauguración da exposición “Fai que suba a marea. Doa”, un traballo levado a cabo, dentro do programa “Salvavidas” da Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e que poderá visitarse na planta baixa das dependencias dos edificios administrativos de San Lázaro en Santiago.

A inauguración desta exposición tivo lugar dentro dos actos de conmemoración do Día Nacional do Doantes de Órganos e Tecidos. Así, este proxecto multidisciplinar, desenvolvido polo alumnado do IES Ribera do Louro de Porriño, e coordinado pola docente María José Iglesias Vázquez, é unha actividade do programa “Salvavidas”, inserido no Plan Proxecta, a iniciativa de innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que posibilita que entidades alleas ao sistema educativo, neste caso a Coordinación autonómica de Transplantes de ADOS, desenvolvan proxectos de diversa índole como sucede coa sensibilización a prol da doazón e transplante de órganos.

Unha iniciativa multidisciplinar

A exposición “Fai que suba a marea” recolle esculturas de escaiola de mans que amosan a súa disposición á doazón de órganos e tecidos, conformando unha marea como representación deste acto solidario. Entre as mans realizadas, podemos atopar as do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; así como a dos conselleiros de Sanidade e Educación, a xerente do Sergas, e membros de asociacións de doantes, coordinadores hospitalarios de transplante, entre outros.

A presentación da exposición foi levada polos estudantes do IES Ribera do Louro e contou coa presenza do director xeral de Xustiza, José Tronchoni; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades , Jesús Álvarez; e do alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo. Así, ademais da faceta artística, a presentación completouse cunha breve intervención musical e a lectura dunha poesía, resultando especialmente salientable o compromiso solidario amosado polas alumnas e alumnos que participaron.

Premios do V Concurso de carteis e IX de curtametraxes

O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu tamén esta mañá a entrega dos galardóns do V Concurso Escolar de Carteis e o IX Concurso de Curtametraxes relacionados coa doazón e cos transplantes. Durante o evento, o director xeral de Asistencia Sanitaria, salientou a calidade artística dos traballos presentados, así como a conciencia solidaria do alumnado galego a prol deste xesto solidario que permite salvar moitas vidas.

Na presente edición de ambos concursos, participaron 800 estudantes, dos que 736 concorreron ao concurso de carteis; e outros 53 escolares realizaron un total de 18 curtametraxes. Así, na V edición do Concurso Escolar de Carteis relacionado coa Doazón e os Transplantes, resultaron premiados na categoría de 5ºe 6º de Educación Primaria, co primeiro premio “Non importa o órgano, agora toca doar e salvar vidas” de Jimena Domínguez García do CEIP Vista Alegre (Burela); e o segundo premio recaeu no traballo “Transplanta vida. Doa” de Greta Abella Álvarez do CEIP Castrelo de Miño.

Na categoría de primeiro ciclo de ESO, resultou gañador o traballo “Doa Tempo” de Ainara Solla González do Colexio Sagrado Corazón de Jesús (Pontevedra) e o segundo premio foi para “Vivir ou non vivir, esa é a cuestión” de Débora Yáñez Cid do IES Escolas Proval (Nigrán).

Pola súa banda, no apartado de galardoados no IX Concurso de Curtametraxes para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes, resultou gañador o traballo “A doazón de órganos e tecidos, un acto de intelixencia moi natural” realizado polos alumnos Mar Amado Chouciño, Sheila Cancela García, Omar González Soneira, Leopoldo Ángel Sánchez Bouzón e Fabián Pérez Varela do IES Maximino Romero de Lema (Baio). O segundo premio recaeu na curtametraxe “Debuxando vidas” de Manuel Fraga Ponte, Iria Castro Rodríguez e Daniela Penas Barreiro do IES de Arzúa.

Na compaña do o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jesús Álvarez; da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, e de José Luis Fernández Astray, director de Comunicación de Gadisa, empresa colaboradora nestes galardóns, Jorge Aboal salientou a importancia de seguir traballando na sensibilización das persoas máis novas para asentar unha conciencia social favorable ao xesto solidario da doazón e os transplantes, e puxo en valor o traballo desenvolvido no transcurso dos últimos anos pola Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS, así como a de todos os integrantes da comunidade educativa galega.

Así mesmo, destacou a conciencia solidaria dos galegos e subliñou que, no pasado ano 2022, rexistráronse 128 doantes de órganos, posibilitando a realización de 296 transplantes de órganos. Ademais, a Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS, ten rexistrada unha cifra de preto de 122.000 persoas que, na actualidade, dispoñen de tarxeta de doantes de órganos.

Pola súa banda, Marisa López, felicitou aos premiados e puxo en valor a importancia do tecido empresarial galego que apoia iniciativas que favorecen a conciencia solidaria a prol da doazón, como é o caso de GADISA, empresa que colabora desde a primeira edición do concurso de carteis para escolares, así como outras destacadas iniciativas relacionadas coa promoción dos distintos xeitos de doazón.

Artigos relacionados

Back to top button