O pasado venres, 11 de abril, unha axente da Policía Local de Ourense auxiliaba un bebé que tiña obstruídas as vías respiratorias, tal como informan dende o Concello, explicando que ás 22:05 horas, cando desenvolvía as súas funcións ordinarias dentro do edificio da Xefatura da Policía Local, “un axente advertiu a presenza dun grupo de persoas visiblemente nerviosas, portando unha delas un bebé, que se aproximaban de forma apresurada solicitando auxilio de maneira urxente”.
Ante esta situación, o axente abriu a porta de acceso e solicitou por emisora a presenza urxente dunha ambulancia medicalizada. “A axente coordinadora do servizo aproximouse ao lugar e observou que o lactante presentaba claros signos de obstrución das vías respiratorias, polo que procedeu a colocalo en posición de seguridade e realizar a manobra de desobstrución, conseguindo que o lactante recuperase a capacidade respiratoria”.
Ata o lugar desprazábase a ambulancia medicalizada que trasladaba ao bebé ata o Complexo Hospitalario de Ourense, co fin de realizar unha observación completa.