OurenseÚltima hora

Unha carreira virtual manterá vivo o espírito da San Martiño en 2020

As persoas interesadas poderán inscribirse desde mañá, 25 de novembro e os retos poderán completarse ata o 20 de decembro aínda que se pode ampliar

Alejandro Fernández e Alejo Ares nunha edición anterior da San Martiño.

 

Este ano a carreira popular do San Martiño, a máis lonxeva de Galicia, non se poderá levar a cabo a causa da pandemia do Covid. Por iso, o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense organiza unha San Martiño Virtual, coa que convida aos amantes do deporte a que contribúan a manter vivo o seu legado.

As persoas interesadas poderán inscribirse desde mañá, 25 de novembro, a través da web oficial: http://asanmartino.com/, ou dunha aplicación móbil. Non hai cota de inscrición, pero si deberán efectuar unha doazón mínima dun euro en favor dalgúns dos proxectos solidarios, un de Cruz Vermella, “Promoción do éxito escolar de nenos e nenas en dificultade social”; e outro de Cáritas Ourense, “Corremos polos máis afectados pola pandemia da Covid 19”.

Con esta doazón, o participante comprará quilómetros (5 ou 10 km) que lle permitirán desenvolver un reto individual e participar noutro colectivo.

Reto colectivo. Unha corredora virtual, a castaña Martiña tentará realizar o percorrido tradicional da carreira do san Martiño (10.000 metros) para o que contará co apoio dos participantes. Cada quilómetro comprado por un corredor suporá 1 metro nese reto colectivo. Cada día actualizarase a posición da corredora virtual e poderemos ver onde se atopa no circuíto cos quilómetros sumados entre todos. No caso de completar o percorrido, se lle dará tantas voltas ao mesmo como quilómetros se vaian reunindo entre todos.

Reto individual. Os participantes poderán descargarse unha aplicación móbil que permitirá rexistrar a súa carreira persoal real de 5K ou 10K, segundo elixan, coa opción de compartir unha foto cun filtro, emulando unha chegada da San Martiño, coa data e o tempo que efectuou. A organización publicará unha clasificación coas marcas vinculadas aos dorsais dos participantes.

Reto escolar. A carreira quere tamén darlles aos profesores de educación física unha ferramenta de motivación dos seus alumnos na mellora da condición física. Os quilómetros efectuados por todos os alumnos, sumarán ao igual que no reto dos adultos (1 km = 1 m), na carreira de escolares. O corredor virtual avanzará polo percorrido, e entre todos os alumnos deberán intentar completar a carreira, ou repetila cantas máis veces posible.

Os retos poderán completarse ata o 20/12/2020, aínda que se pode ampliar.

 

Artigos relacionados

Back to top button