Localizar de xeito áxil e cómodo os negocios da contorna e coñecer as súas medidas sanitarias. É o que permite unha nova aplicación móbil que vén de desenvolver a empresa ourensá Amodo Soluciones, especializada no desenvolvemento de software e situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole.
“Localsafe” axuda aos cidadáns a localizar de forma áxil e cómoda os diferentes negocios adheridos no seu contorno e coñecer as súas medidas de seguridade sanitarias con relación ao Covid-19. A aplicación xa está dispoñible en App Store e en Play Store de Android.
As empresas teñen que rexistrarse previamente na web www.localsafe.es, onde ata o momento se conta xa con preto de 16.000 repartidas por todo o territorio nacional. “A boa acollida débese á necesidade dos establecementos de dar a coñecer os seus esforzos neste ámbito e poder así ofrecer máis seguridade aos seus clientes para volver á actividade normal” -sinala o xerente de Amodo Soluciones, Diego González.
Ademais, varias institucións confiaron nesta iniciativa para acoller diferentes “marcas” de seguridade sanitaria. Nesta liña, Amodo Soluciones chegou a un acordo con diversas compañías de referencia na seguridade e calidade dos establecementos.
A empresa iniciou unha campaña baixo a lema Protexe para protexer. “Moitos cidadáns senten a necesidade de saír a realizar a súa vida habitual, e gozar da mesma, sabendo que volverán a casa con total tranquilidade”, engade Diego González.
Ademais o xerente de Amodo Soluciones explica que o “COVID-19 xerou unha brecha de confianza entre establecementos e usuarios que a aplicación pretende reducir. Son moitos os esforzos que realizaron diferentes estamentos da sociedade para mitigar os efectos da pandemia: desde a propia Administración Pública mediante esixencias legais, pasando por organismos de certificación, ata as propias empresas que están a mellorar a marchas forzadas todos os seus establecementos para recibir aos clientes coas mellores medidas de seguridade. Un dos motivos do éxito da aplicación é a confluencia na mesma dos esforzos de gran parte da sociedade”.
Mediante a app os usuarios poderán filtrar os establecementos segundo a actividade realizada e observar as medidas de seguridade habilitadas en cada un deles mediante un cómodo sistema de clasificación. A aplicación conta cun buscador de diferentes tipos de establecementos, un localizador daqueles que dispoñan do selo “Localsafe” no contorno do usuario, unha descrición de cada un dos locais, unha valoración realizada polos propios usuarios de cada un deles, xunto a unha clasificación por niveis de seguridade.
Segundo as diferentes medidas en elementos de seguridade, os establecementos poderán contar na aplicación con distintivos “Silver”, “Gold” e “Platinum”. “Todos os locais distinguidos terán implantadas as medidas mínimas de seguridade que permitan unha experiencia segura, pero evidentemente algúns deles contan con medidas especiais que os usuarios deben coñecer, como é o caso dunha certificación por un organismo externo á empresa que teña verificado a implantación de protocolos específicos”, conclúe Diego González.