“O seu destino era chegar a ser o que foi” é o título dunha exposición que renderá homenaxe en agosto ao lanzador de xavelina Luis Nogueira, natural de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), que falecía o pasado ano.
A inauguración da mostra está prevista para o 12 de agosto, ás oito da tarde, no Centro Sociocultural Santa Lucía de Vilamartín. “Ademáis de deportista, Luis era aficionado á lectura, á escritura, á fotografía, amante da súa terra, da natureza, de conectar coa xente… De todas estas experiencias proceden as fotos e os escritos que se amosan na exposición e que pretenden reflectir o seu modo de ser e vivir”, explican os promotores da exposición.
Así visitando a mostra poderá facerse un percorrido pola súa vida e “poderémonos achegar a algúns obxectos persoais ou a elementos que empregaba nas súas competicións deportivas”, adiantan os organizadores.
A exposición estará aberta dende o 5 de agosto ata primeiros de setembro e poderá visitarse de 19. a 21h. de luns a venres.