ConcellosÚltima hora

Unha mostra expón os traballos dos 87 alumnos dos obradoiros do Concello de Barbadás

Foto de grupo dos alumnos dos obradoiros.

O concello de Barbadás inaugurou onte, 29 de maio, unha exposición de manualidades correspondentes a traballos feitos polas 87 persoas (a meirande parte mulleres) dos obradoiros para adultos espallados polas parroquias de Loiro, Bentraces, Sobrado, Barbadás, A Valenzá, Finca Fierro e Piñor ao longo do ano. A mostra leva por título “Exposición dos obradoiros de manualidades. Concello de Barbadás”, e permanecerá aberta ata o seis de xuño. Os horarios de visitas serán de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas polas mañáns e de 16:00 a 20:00 horas polas tardes.

O acto contou coa presencia do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, así como representantes da Corporación municipal. O rexedor amosouse satisfeito polo resultado acadado, “pois avala a importancia dos cursos para estimular a destreza na elaboración de traballos manuais entre os veciños interesados”. Pola sua parte, o concelleiro de Participación Cidadá, Serafín Núñez, área responsable dos obradoiros, asegurou que con esta exposición “tratamos de que a xente que participa nas actividades dos talleres se sinta protagonista coa exposición; a colocación dos traballos está distribuida por parroquias, para facilitar a visualización dos mesmos por parte dos visitantes”.

Os talleres, segundo o edil, teñen carácter gratuíto “para os veciños que estén empadroados en Barbadás”. Con esta exposición na Casa da Cultura “pretendemos dende o concello pór en valor unha parte dos mellores traballos que desde o mes de outubro veñen realizando nestes talleres. Aparte do labor desenvolvido polos alumnos, consideramos que é unha actividade importante, en tanto que sirve tamén como vehículo de socialización para a nosa veciñanza”, remataou Serafín Núñez.

A mostra estará aberta até o seis de xuño. 

 

Artigos relacionados

Back to top button