
Retratos realistas e impresionistas dalgunhas persoas de Viana, paisaxes da vila cheas de forza e intensidade, castiñeiros ou a figura de referencia do seu Entroido tradicional: o colorista Boteiro de sorriso retranqueiro e brancos dentes.
Son os temas que levaba ao lenzo o artista Piquico durante o confinamento. Agora quere compartir esa obra pictórica co público nunha mostra que poderá visitarse a partir do xoves 13 de agosto no Pub Gotham de Viana do Bolo. O acto inaugural está previsto para as seis da tarde.
A súa creación durante a corentena plásmase en 7 cadros (de diferentes formatos e tamaños) que se complementan con outros catro que xa estaban expostos neste mesmo establecemento e con outra serie de cadros de pequeno formato. Esta mostra, que permanecerá un par de meses instalada, poderá verse os venres e sábados nun horario que vai dende as 6 da tarte ata o peche do local (coincidindo co horario de apertura do pub durante o verán).
Ademais os venres e sábados realizarase un sorteo dunha das obras expostas cos tíckets das consumicións do local.
Fotos cedidas por Piquico.
Vídeo cedido.