OurenseÚltima hora

Unha ola de San Cibrao de Las, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Esta tipoloxía aparece dende os primeiros momentos da Idade do Ferro, sendo a "vasilla castrexa" por excelencia

Ola do castro San Cibrao de Las. /Foto: Fernando del Río.

 

A “Peza do Mes” de Maio do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense saía á luz na campaña de 1992 no xacemento de San Cibrao de Las, tamén coñecido como “A Cidade” (San Amaro/Punxín). Nesta escavación, levada a cabo polo equipo do propio museo, intervíñase no barrio localizado na ladeira oeste, arredor da porta da muralla e a rúa empedrada que sobe cara a acrópole.

Trátase dunha ola de tamaño medio cunha forma globular, cun diámetro de 2 cm no bordo. Pertence ao chamado grupo de olas en «s», cunha forma sinuosa do perfil. Esta tipoloxía aparece dende os primeiros momentos da Idade do Ferro, sendo a “vasilla castrexa” por excelencia, e “está presente en todos os nosos contextos e parece unha forma moi estendida entre o século I a. C. ata inicios do século II d. C.”, asegura Alba Antía Rodríguez Nóvoa, no traballo sobre a peza que vén de publicar o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Nesta ola de San Cibrao de Las “a asa reintegrouse cuns leves rebordos laterais e unha depresión central, características que aparecen frecuentemente nesta forma. O acabamento exterior é un simple alisadamento, bastante perdido xa, debido ao uso da peza, quizais en tarefas relacionadas co procesadamento e consumo de alimentos”, engade a investigadora.

 

Xacemento castrexo de San Cibrao de Las (San Amaro/Punxín)./ Foto: A.R.

 

Esta variante con asa é frecuente no cambio de era, especialmente en xacementos da contorna do Miño “Encontramos pezas similares á que aquí analizamos noutros xacementos do Miño, ademais de San Cibrao de Las, como Louredo ou Coto do Mosteiro, así coma formas semellantes en Fozara, Troña ou Trega”, matiza Rodríguez Nóvoa.

Dende que se decretou o estado de alarma pola emerxencia sanitaria do COVID-19 non se están realizando presentacións públicas das “Pezas do Mes” e tanto o Museo Arqueolóxico de Ourense como a Sala de exposicións Escolma de Escultura permanecen pechados ao público.

Aínda así, “as persoas que precisen realizar algunha consulta poden facelo a través do enderezo electrónico: mapour@xunta.gal . O equipo técnico do Museo continuará a traballar, prestando servizos a través de ferramentas dixitais e potenciando os contidos online”, din dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button