Na mañá deste mércores 1 de marzo unha persoa resultaba ferida coa motoserra que manexaba no municipio de Baños de Molgas.
Era un particular quen chamaba ao 112 Galicia, pasado o mediodía, para alertar de que un home acababa de sufrir un corte cunha motoserra en San Pedro de Ribeira.
“O implicado estaba a empregar a ferramenta na súa vivenda e o helicóptero medicalizado, con base en Ourense, desprazouse rapidamente ao punto, onde tomou terra minutos despois”, indican dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias que solicitaba a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil de Baños de Molgas. “Informouse, ademais, aos Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas por se fose necesaria a súa colaboración”, indican, explicando que ao mesmo tempo, “o persoal dos servizos sanitarios comunicaba que mobilizara ao seu persoal a bordo o helicóptero medicalizado con base en Ourense para a atención da persoa afectada”.