EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Unhas 1.400 persoas percorrían as Covas de Seadur

Este camiño festivo por vinte adegas soterradas deste pobo de Larouco celebrábase na tarde e noite do Sábado Santo

Dende as 18:30h. do 31 de marzo numerosas persoas encamiñaban os seus pasos por Seadur (Larouco) para participar nas XV Covas desta localidade, un percorrido festivo no que se engarzan o viño, a gastronomía, a festa e a tradición nestas antigas adegas soterradas.

Ao encetar o camiño das covas descubrían cun enorme mural, enmarcado na recreación dunha prensa de viño, que reproduce un mapa coa ubicación de cada unha das covas e co nome das que, cando menos nalgunha edición, participaban nesta celebración. A pintura é obra do artista valdeorrés José Luis Prieto. E gustaba tanto, que cada un dos que pasaban aproveitaba para facerse un selfie con este mural de fondo.

A partir de aí os participantes iniciaban, cunca en man, o percorrido polas vinte adegas que abrían as portas nesta edición, “todo un récord”, segundo destacan dende a organización. En cada unha delas podían degustar viños brancos e tintos, acompañados por multitude de petiscos. Habíaos fríos (empanada, embutidos, patacas…), pero tamén quentes, e ademais diferentes en cada unha das adegas. A novidade desta edición era o ovo a plancha, que resultaba todo un éxito e numerosas persoas agardaban para probalo mentres se cociñaban, un a un. Non faltaban tampouco os macarróns, o caldo ou os callos con garavanzos, entre outras propostas.

E entre adega e adega, viño e pinchos, a música quentaba o ambiente da man do son tradicional dos valdeorreses Ouruxobruxo e do ritmo incesante da Charanga Nova Terras de Trives. Tamén había grupos que, con gaitas e pandeiretas, animaban de forma espontánea este percorrido polas covas. En torno ás once da noite, ían pechando as adegas e o público concentrábase na zona da carpa, onde se repartía bica e comezaba o baile, ata a madrugada, co DJ Anima Fiestas.

A organización estima que arredor de 1.400 persoas participaban neste tradicional camiño polas Covas de Seadur, un novo éxito para os seus promotores.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button