A Deputación de Ourense fomenta o turismo de familia cunha nova edición da Gladiator Race Júnior que reunirá este sábado, 21 de setembro, ao redor de 300 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos no complexo turístico de O Corgo, en Muíños. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e o director técnico da proba, Serafín Martínez, presentaron hoxe os detalles desta nova edición.
Este evento, que se enmarca dentro das actividades que organiza a Deputación na súa aposta polo turismo deportivo na provincia, chega xa a súa sexta edición, aínda que nos últimos anos está dirixida aos máis cativos para fomentar tamén o turismo familiar a través dun dos eventos máis espectaculares que se realizan na nosa provincia ao mesturar deporte e aventura “nunha contorna paisaxística e natural sen parangón como a que ofrece o municipio de Muíños”, explicou Luis Menor.
A proba disputarase en dúas modalidades: unha non competitiva para menores de entre 3 a 11 anos; e outra competitiva dirixida a os de 12 e 15 anos que a disputarán en formato de equipos mixtos de 5 a 7 compoñentes.