A localidade ourensá de Bande celebrará o domingo 29 de agosto o “Desafío Iter Querquennae”, no que 350 deportistas participarán nas dúas probas que inclúe esta xornada: a XIII Andaina e o VI Trail, este último con categoría de proba oficial da Federación Galega de Atletismo.
O “Desafío Iter Querquennae” consta de tres probas que terán saída e chegada na praza da Constitución. Na modalidade de trail haberá unha carreira longa, de 26,5 quilómetros, e unha curta de 16,5 km., mentres que a andaina terá un percorrido de 16 km nun circuíto de dificultade media. A tres probas, cuxo prazo de inscrición remata o venres día 20, están abertas á participación de deportistas de todas as idades e inclúen premios especiais ao máis veterano ou veterana, así como aos atletas estranxeiros que se clasifiquen en primeiro lugar.
Ademais de avituallamento, a organización porá a disposición dos participantes masaxistas e bañeiras con xeo para recuperarse do esforzo realizado nas dúas carreiras e na andaina, que comezarán ás 9 da mañá.